Concello e Universidade impulsan a ampliación da Cidade Tecnolóxica de Vigo, CITEXVI

martes, 15 de outubro do 2013 Redacción

A Cidade Tecnolóxica de Vigo, CITEXVI, recibiu esta semana un importante pulo para o seu futuro. E tanto que foi así, xa que falamos da cesión de 264.000 metros cadrados para a ampliación do dito complexo, unha medida acordada entre Concello e Universidade que, en palabras da institución educativa, culmina un proceso de 22 de anos que incluíu a cesión á Universidade de un millón de metros cadrados de terreos municipais. O acordo no que se especifica a ampliación da Cidade foi asinado e dado a coñecer polo reitor, Salustiano Mato, e polo alcalde Abel Caballero. A xuízo do primeiro, a cesión resolve anos de tramitacións, un adiamento provocado en boa medida polas complicacións derivadas do elevado número de propietarios das fincas.
Abel Caballero, pola súa banda, subliñou que este proceso supuxo un custe de 10 millóns de euros e destacou o papel do Concello“como gran factor impulsor da Universidade. Cómpre lembrar que estes terreos cedidos xa estaban a ser ocupados pola institución académica e neles localízanse, por exemplo, CITEXVI ou a Facultade de Química. Ademais destas parcelas, segundo indicou o reitor, a cesión inclúe 80.000 metros cadrados que permitirán o medre da Cidade Tecnolóxico. Subliñou que estes terreos cedidos servirán tamén para habilitar novas instalacións destinadas a investigación, especialmente en áreas como bioenxeñaría, emisións, enxeñaría aeronáutica, nanotecnoloxía ou procesos de fabricación. Adiantou Mato tamén que ao longo do 2014 agardase a posta en funcionamento do Módulo Tecnolóxico Industrial, MTI, así como o Centro de Investigación Biomédica, Cinbio.

PUBLICIDADE