Comunicación web 2.0 e redes sociais no programa de Emprendiendo 09

mércores, 16 de decembro do 2009 Raquel Noya

No marco dunha conxuntura económica que nos últimos anos está a vivir importantes cambios sociais, culturais, de consumo e de tendencias, a Asociación de Jóvenes Empresarios de Vigo organiza hoxe mércores, 16 de decembro, a xornada de alta dirección empresarial Emprendiendo, que reunirá a varios expertos con experiencia neste eido para que dean conta do seu día a día en torno ao difícil mundo empresarial.
O acto, que dará comezo a partir das 19:00 horas no Club Financieiro de Vigo, situado na rúa García Barbón nº62, contará coa asistencia do responsable do Departamento de Social Media en Elogia, Rubén Bastón, que falará sobre comunicación web 2.0 e redes sociais; e co empresario Juan Carlos Pérez, director xeral de Activo Comunicaciones, que xunto con Manuel Montes, presidente do Grupo Desarrollanet, narrarán as súas experiencias ao mando das devanditas empresas.
Ao evento, que finalizará cunha cea de Nadal, tamén acudirá o director de Krasis, José Manuel Alarcón, que co relatorio Reinventarse para sobrevivir e medrar, estratexias de diferenciación para PEMES, mostraralle aos asistentes as fórmulas para innovar nunha empresa e saír adiante grazas á diferenciación dos produtos e servizos ofrecidos.

PUBLICIDADE