Compromiso por Galicia presenta nova web

venres, 20 de xullo do 2012 Fernando Sarasketa

A nova fronte política Compromiso por Galicia presentou este venres 20 de xullo a páxina web de seu. O espazo en liña, debullado por Xoán Bascuas en rolda de prensa, servirá de espazo de comunicación común para as diferentes forzas responsábeis da posta en marcha desta nova fronte: Acción Galega, Espazo Ecosocialista e +Galiza. A través dunha serie de seccións xerais (Compromiso, Bases Políticas, Actualidade, Mediateca e Afiliación e Contacto), o espazo web informará en detalle do ideario, as estratexias e as actividades concretas que o novo grupo galeguista vaia desenvolvendo, con vistas ás primarias para elixir candidato á Xunta e aos comicios autonómicos.
O encontro de Bascuas cos medios tamén serviu para amosar a nova imaxe corporativa de CxG, que se inspiraría no de Máis Galiza e que ten o verde como cor corporativa. O obxectivo deste deseño é sintetizar o que hai en común entre os grupos que constitúen a alianza. Bascuas tamén fixo saber que non á casual que se estree xusto agora a nova páxina, nos días previos á celebración do Día da Patria, o 25 de xullo. Entre o máis salientábel do espazo en liña, cómpre termos en conta os espazos para a participación, as novas ou a rede social propia, todos estes recursos “orientados ao traballo político e á relación coa cidadanía”.

PUBLICIDADE