Compran Pisos.net por 150.000 euros

mércores, 12 de novembro do 2008 Fernando Sarasketa

Que un servizo web de comercialización de inmobles se poña á venda pode ser sinal de dúas cousas opostas: que a crise está a recruarse ou que estamos a saír da fochanca. Con todo, hai unha terceira vía: que a operación en si mesma non queira dicir ren. O caso é que o Grupo Anuntis vén de adquirir o dominio Pisos.net por 150.000 euros e a través da web Sedo.com, sendo o obxectivo básico desta operación o de calquera operación de compra empresarial: ampliar, dende o punto de vista do que merca, as súas estratexias de mercado. Neste caso concreto e como curiosidade a ter en conta, do que se trata é de afondar nas posibilidades dunha leira que no plano teórico non dá máis: a inmobiliaria.
A operación do Grupo Anuntis, se cadra un movemento á espera de tempos mellores (a economía desenvólvese en círculos), ten máis interese dende o punto de vista cualitativo (a natureza mesma da web, visitada por milleiros de persoas cada día) que polo prezo en si mesmo desembolsado.
Dito doutro xeito: a ninguén se lle pode escapar que mercar un espazo virtual de nome tan estratéxico (pisos.net, en referencia a consultas sobre o tema na Internet, case se teclea só) no medio da crise que sofre o sector no real, pode darlle a razón, aínda que non dun xeito concluínte, aos que opinan que a crise é un camiño para a remodelación da economía e que non ten porqué afectar de xeito directo ao eido empresarial TIC. En tal caso, é ben posible que saia reforzado e ampliado.

PUBLICIDADE