Compostela presenta nova aplicación para facer máis accesíbeis os servizos sociais

xoves, 23 de febreiro do 2017 Redacción

Santiago presentou esta semana unha nova ferramenta informática para facilitar ao día a día dos cidadáns (unha ferramenta desenvolvida e achegada ao abeiro do que se coñece como Administración Electrónica). Trátase, máis en detalle, dunha aplicación de solicitude de cita previa para servizos sociais municipais. O recurso tecnolóxico foi dado a coñecer pola concelleira de Políticas Sociais e Diversidade, Concha Fernández, quen salientou que a cidadanía pode facer uso del a través da web municipal (portada ou Concellaría de Políticas Socias) ou ben a través da dirección citapreviass.santiagodecompostela.gal. A ferramenta, dixo, vén a completar o sistema que había para a solicitude de cita (até o de agora os usuarios debían solicitar atención por teléfono ou de maneira presencial). “A idea”, sinalou, era “facer máis accesíbeis os servizos sociais comunitarios, non saturar a atención telefónica nin os puntos de atención".
Na rolda de presentación tamén participou a técnica responsábel do aplicativo, Ana Ares, quen destacou a “linguaxe sinxela que se utiliza e que fará que moitas persoas, aproximadamente o 30% do volume de usuarios actuais, usen nun primeiro momento este novo sistema”. Tamén engadiron que a ferramenta nace con tres obxectivos: axilizar o acceso á veciñanza aos servizos sociais comunitarios; contribuír á organización do centro municipal de servizos sociais e apoiar aos e ás profesionais dos servizos sociais no desenvolvemento do traballo diario. Segundo fixeron saber, un dos seus puntos fortes da aplicación é a sinxeleza: a través do enderezo electrónico, as persoas usuarias dos servizos sociais do Concello poden pedir cita co seu profesional e a aplicación amosará as horas libres existentes.

PUBLICIDADE