Compostela acollerá o I foro galego da web 2.0

venres, 23 de setembro do 2011 Raquel Noya

O vindeiro 15 de outubro, a facultade de Ciencias da Comunicación da USC, que acaba de inaugurar o novo curso coa vista posta xa no futuro máis tecnolóxico, vaille dar acollida ao primeiro foro galego da web 2.0 que se celebra no noso país, que leva por nome Foro UNIREDE, e que organiza a consagrada asociación Adouspuntocero de Profesionais da social media de Galicia en colaboración coa entidade académica.
Ata o de agora xa son unhas cen as persoas que confirmaron a súa presenza no evento a través da web oficial, porén o presidente de Adouspuntocero, Fidel Martín, agarda que se sumen máis ao tocaren temas de moita actualidade e traballar con ferramentas de comunicación online de suma importancia e interese para as novas xeracións de internautas.
Unirede vai ser unha cita eminentemente práctica, na que haberá gran cantidade de obradoiros tecnolóxicos e debates para darlle pulo ao espírito colaborativo e á capacidade de interactividade, “un espírito claro e manifesto nas redes sociais que non podía perderse en Unirede”, afirma Martín.
O evento, no que tamén haberá espazos Bussiness Meeting-Point para que os emprendedores galegos se dean a coñecer, contará cos relatorios de Fátima Martínez, David Serantes ou José Luis del Campo entre outros destacados profesionais con bagaxe e ampla experiencia en eventos social media similares.
As persoas interesadas en asistir deben rexistrarse na web do Foro UNIREDE, sabendo que se o fan antes do vindeiro 30 de setembro, o prezo é de 20 euros, e se o fan a partir desa data, a cota ascenderá a 25 euros, incluíndo material e xantar-networking.

PUBLICIDADE