Compostela acollerá o encontro internacional de xestores de Erasmus Emprendedores en Europa

xoves, 13 de outubro do 2022 S. P.

A Cámara de Comercio de Santiago e Uninova (Concello de Santiago e USC) prepararon durante o mes de setembro unha candidatura para acoller en marzo de 2023 un encontro internacional de xestores do programa Erasmus Emprendedores en Europa. Neste encontro participarán técnicos de cámaras de comercio, centros de investigación, consultoras, universidades, centros de innovación, hubs empresariais, consultoras, pemes e emprendedores, entre outros. Todos, indican dende a Cámara, co nexo común de ser xestores do programa Erasmus Emprendedores en 38 países. Amais, tamén participarán técnicos e responsábeis políticos da Comisión Europea e a Axencia Europea de Pemes, entidades das cales depende o devandito programa.
Tanto a Cámara de Comercio de Santiago, como Uninova son intermediarios do programa a nivel nacional e foron quen promoveron, xunto co Concello de Santiago, que a cidade de Compostela fose o escenario deste Encontro Internacional, ademais de para ser os organizadores do mesmo.
Presentáronse sete ofertas de sete cidades distintas para acoller o encontro. Finalmente o comité de pilotaxe do programa tivo en conta a mellor oferta (a oferta compostelá) en base ás seguintes características: dispoñibilidade de datas e o orzamento presentado, idoneidade dos espazos propostos, existencia de elementos innovadores como a axenda e o ecosistema empresarial da contorna e calidade xeral de toda a proposta no seu conxunto (que inclúe todos os elementos solicitados pola Axencia Europea para Pemes e Consello Europeo da Innovación).
Despois de ser analizadas as sete propostas este 12 de outubro foi seleccionada polo comité a proposta coordinada e presentada pola Cámara de Comercio de Santiago conxuntamente con Uninova e o Concello de Santiago.
A Cámara de Santiago participa no programa desde o ano 2016 e neste período xestionou máis de 150 intercambios. No consorcio que lidera a Cámara participan outras entidades análogas como a Cámara nacional de Ucraína, a da Martinica ou o parque tecnolóxico da Universidade de Ankara entre outras entidades de 9 países (España, Portugal, Italia, Francia, Irlanda, Chipre, Albania, Ucraína e Turquía) Ambas as entidades recibiron xa a comunicación de que os seus consorcios seguirán traballando no programa ata o ano 2027.

PUBLICIDADE