Compostela Monumental introduce á mocidade desempregada no manexo dos dispositivos tecnolóxicos

xoves, 8 de febreiro do 2018 Redacción

Compostela Monumental, a asociación santiaguesa de comerciantes e empresarios, iniciou estes días o primeiro dos obradoiros que conforma o seu programa de emprego, Empréga-Te 2. En concreto, deu comezo ao seu Curso Básico de Informática, no que participan novas aspirantes para traballar no sector servizos. Nesta actividade, fortalecen e amplían o seu coñecemento sobre os diferentes dispositivos informáticos e a súa aplicación no mundo laboral.
A acción formativa, primeira deste ano 2018, ten unha duración de 30 horas e desenvolverase ata o día 7 marzo na aula formativa que Compostela Monumental ten na súa sede da Algalia de Arriba 31. O curso trata sobre alfabetización informática, Internet e correo electrónico, segundo o seu obxectivo fundamental “mellorar o coñecemento e dominio da computadora entre o alumnado”, ademais de iniciar ás participantes no coñecemento da Internet, no correo electrónico e nas comunicacións, así como en nocións básicas de seguridade e privacidade. No programa formativo de Compostela Monumental colabora a Secretaría Xeral de Emprego da Xunta de Galicia, por medio da Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral (Servizo de Programas Mixtos).

PUBLICIDADE