Compostela Monumental informou aos comercios locais dos posíbeis riscos que pode ter a venda online

mércores, 28 de outubro do 2020 S. P.

A Asociación de Comerciantes e Empresarios CCA Compostela Monumental vén de pechar a sétima edición das súas Xornadas de Prevención de Riscos Laborais no Comercio de Proximidade, poñendo o foco nas vantaxes da dixitalización e a transformación pero tamén nos perigos potenciais dun uso incorrecto das novas ferramentas. As sesións contaron coa presenza de Alberto Rodríguez Rodríguez, director executivo (CEO) de Eprox Marketplace, e Rosario “Charo” Miramontes, formadora e técnica superior en Prevención de Riscos Laborais.
Alberto Rodríguez, CEO de Eprox Marketplace, entidade seleccionada por Compostela Monumental para pór en marcha a súa plataforma de venda en liña, explicou precisamente os novos riscos tecnolóxicos que nos podemos atopar á hora de vender online. Ao abeiro da súa clase maxistral detallou polo miúdo os perigos existentes, deixando claro que “coa lexislación vixente é moi seguro para o comercio tradicional vender sen demasiadas complicacións por Internet como un apoio e complemento á venda tradicional en tenda”.
Pola súa banda Rosario Miramontes incidiu nunha cuestión que segue sendo unha incógnita tanto para empresarios como para traballadores: se os accidentes in itinere son só aqueles de ir de casa ao traballo ou viceversa.
“O principal obxectivo destas accións levadas a cabo na nosa sede foi formar, informar e concienciar ao sector do pequeno comercio de Santiago da importancia de adoptar medidas de prevención de riscos laborais, seguridade, igualdade e saúde laboral á hora de afrontar o día a día do comercio, e máis agora cos riscos de tipo sanitario por culpa do COVID 19”, destacou o xerente de CCA, José Ángel Blanco.

PUBLICIDADE