Como transformar a nosa PEME, ao detalle este xoves da man da Cámara de Santiago

martes, 24 de setembro do 2019 Fernando Sarasketa

Este xoves 26 de setembro imos poder obter unhas cantes claves de valor para impulsar a dixitalización dos nosos negocios, un fenómeno imprescindíbel para seguirmos sendo competitivos, rendíbeis e eficaces. Estamos a falar da Xornada A Dixitalización como Panca da Competitividade da PEME, que se celebra no salón de actos da Cámara de Comercio de Santiago (número 44 da rúa San Pedro de Mezonzo), ao abeiro do Programa TICCámaras. Na sesión, que comezará ás 9.30, daranse a coñecer as principais conclusións do Informe España Empresa Dixital e brindarase un punto de encontro para o intercambio de recursos e achados en materia de transformación: un proceso de cambio que todas as empresas, do sector que sexan, teñen que seguir de preto e asumir.
Amais, a cita acollerá unha mesa redonda sobre a mellora da competitividade e produtividade das pequenas e medianas empresas a través das TIC.
As actividades, como dixemos, darán comezo ás 9.30 coa sesión de apertura institucional a cargo de Rosa Mary Cardeso Trillo, secretaria xeral en funcións da Cámara de Comercio de Santiago, quen dará paso, sobre as 9.45 horas, á presentación do Informe España Empresa Dixital, a cargo de Carlos López Blanco, presidente da Comisión de Dixitalización da Cámara de España.
Sobre as 10.00 horas será a quen da de Marta Menéndez Martínez, directora en Galicia de Teléfonica, que achegará o relatorio Senón é agora, cando? É hora de transformarse. De seguido, sobre as 10.15, está previsto que interveña José Manuel Martínez Sainz, subdirector de Desenvolvemento de Negocio de Transformación Dixital de Mapfre, que falará sobre os recentes procesos de innovación da aseguradora.
Ás 10.30 horas será a quenda da presentación do Programa TICCámaras, a cargo de Anselmo Díaz Romero, responsábel do Departamento de Innovación da Cámara de Comercio de Santiago. Esta sesión incluirá a exposición de dous casos de éxito: Ausum Asesores e Abogados Asdos, a cargo de Diego Víboras Cabañero.
Sobre as 10.45 celebrarase a mesa redonda Como ser máis eficiente traballando na nube, na que van intervir Carlos López Blanco, Marta Menéndez Martínez, Andrés Peral Plaza (director de Seguridade e Medioambiente en Sistemas de Información de Mapfre) e Diego Víboras Cabañero.
Rematarán os relatorios coa clausura institucional, a cargo de Rosa Mary Cardeso Trillo. Máis tarde está prevista unha sesión de networking.

PUBLICIDADE