Como tirar proveito dos datos lingüísticos, ao detalle mañá no CCG

mércores, 28 de novembro do 2018 Fernando Sarasketa

O Consello da Cultura Galega (Sección de Lingua, Literatura e Comunicación) e maila Rede de Investigación Galega TecAnDaLi (Tecnoloxías e Análise dos Datos Lingüísticos) van organizar este 29 de novembro, quinta feira, unha xornada conxunta sobre datos lingüísticos: cal é a súa finalidade e de que maneira podemos tirar proveito deles, tanto no eido da investigación tecnolóxico-cultural como a nivel de actividade empresarial.
Segundo informa o CCG, a xornada ten dous obxectivos específicos: presentar á sociedade algúns logros de investigación sobre datos lingüísticos e solicitar desta mesma sociedade, de investigadores doutros ramos, de xornalistas ou profesionais de diverso tipo, “reflexións que conduzan a novos retos investigadores sobre datos lingüísticos”.
En boa medida, trátase de contestar coas diferentes sesións e debates ás seguintes preguntas: que máis podemos aprender se analizamos datos lingüísticos coas ferramentas máis innovadoras?, que novos logros ou beneficios poderiamos buscar para ofrecer á sociedade que financia a investigación?
Para quen non o saiba, TecAnDaLi é o acrónimo de Tecnoloxía e Análise de Datos Lingüísticos, unha rede conformada por sete grupos de investigación do Sistema Universitario Galego: tres grupos de humanidades (o grupo coordinador, Filoloxía e Lingüística Galega [FILGA], integrado no Instituto da Lingua Galega da Universidade de Santiago de Compostela; Tecnoloxías e Aplicacións da Lingua Galega [TALG], Universidade de Vigo; Gramática, Discurso e Sociedade [GRADES], Universidade de Vigo); dous grupos de enxeñaría informática (Grupo de Sistemas Intelixentes [GSI], CITIUS, Universidade de Santiago de Compostela; Gráficos por Computador e Enxeñaría de Datos [COGRADE, GI-2116], CITIUS, Universidade de Santiago de Compostela); un grupo de enxeñaría de telecomunicacións (Grupo de Tecnoloxías Multimedia [GTM], Universidade de Vigo) e outro grupo de estatística (Modelos de Optimización, Decisión, Estatística e Aplicacións [MODESTYA], Universidade de Santiago de Compostela).
Trátase pois dun equipo de traballo interdisciplinario cuxa investigación está relacionada coas tecnoloxías da linguaxe e as humanidades dixitais, poñendo o foco no galego pero tamén no castelán e na linguaxe de signos española. A rede está especializada no tratamento informático e estatístico de datos lingüísticos. Entre os seus principais cometidos atópase o de mostrar e aproveitar as canles presentes e futuras de colaboración entre grupos de humanidades, enxeñaría e estatística, provenientes de tradicións investigadoras moi diferentes, mesmo de marcos científicos aparentemente separados, como as ciencias e as letras.
Respecto do programa de actividades, este dá comezo ás 16.30 horas coa inauguración da xornada para, logo, dar paso á presentación de catro dos microproxectos de TecAnDaLi, con énfase no binomio aplicabilidade/utilidade. Ás 16.45 chega o relatorio de Alberto J. Bugarín Diz e Xavier Gómez Guinovart (GSI e TALG), que falarán da incorporación do coñecemento lingüístico de Galnet á predición meteorolóxica en linguaxe natural xerada por Galiweather. Unha media hora máis tarde intervirá Pablo Gamallo (COGRADE e FILGA), que mostrará unha ferramenta para o recoñecemento automático de topónimos en documentos medievais. Arredor das 17.30 horas será a quenda de Carmen García Mateo (FILGA, GRADES e GTM), que presentará sistemas de recoñecemento automático para galego e para lingua de signos española. Ao fío das 18.00 horas, María José Ginzo e Xulio Souso (FILGA e MODESTYA) ofrecerán o relatorio De palabras a números: a análise cuantitativa de datos lingüísticos.
A segunda parte do programa comezará ás 18.30 horas, cunha mesa de debate sobre datos lingüísticos na que participarán Alejandro A. García Caballero (psiquiatra, profesor asociado de Psiquiatría na USC e responsábel do Hospital de Día de Psiquiatría do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense) e Carlos Gómez Rodríguez (profesor titular da Área de Ciencia da Computación e Intelixencia Artificial da Universidade da Coruña e integrante do Grupo de investigación Lingua e Sociedade da Información, LyS).

PUBLICIDADE