Comezan os obradoiros anti-fake news da Deputación da Coruña

venres, 19 de febreiro do 2021 S. P.

A Deputación da Coruña puxo en marcha este xoves os obradoiros en liña cos que pretende concienciar á sociedade, especialmente á xente nova, sobre a importancia de saber que boa parte do que vén polas redes e a través dos móbiles son directamente informacións falsas. As actividades están a ser desenvolvidas por EuropeDirect A Coruña, centro pertencente ao ente provincial. Amais de obradoiros haberá tamén debates para axudarnos a separar, informativamente falando, o miolo da palla.
O programa Información vs. Desinformación comezou este xoves cun taller sobre a busca de información oficial da Unión Europea que contou coa intervención da ESN Santiago e da Escola Embaixadora do Parlamento Europeo IESP Eusebio da Guarda. Foi impartido polo deputado responsábel da área de Persoal e Facenda, Antonio Leira, e versou sobre Onde buscar información acerca da UE’’. A través desta actividade, as persoas participantes puideron descubrir as vías existentes para acceder a información oficial da Unión Europea.
"A finalidade deste obradoiro é que a xuventude poida informarse de xeito fiábel, analizando as fontes oficiais de información a nivel local, nacional e europeo", explicou Leira.
O obradoiro contará coa intervención da ErasmusStudent Network (ESN) de Santiago e da Escola Embaixadora do Parlamento Europeo IESP Eusebio da Guarda.
As actividades continuarán o día 25 de febreiro ás 16:00 horas co taller en liña Cres todo o que les nas redes? #UERadarBulos, que estará impartido por Maldita.es e que consistirá na verificación de noticias falsas sobre a UE.
O peche deste programa de formación será o 4 de marzo co curso Que non che coen nin un bulo!, no que a mocidade aprenderá a identificar a desinformación.

PUBLICIDADE