Comezan na USC dous días de reflexión acerca de novas propostas para protexer o coñecemento dixital
venres, 13 de setembro do 2013
Os novos formatos e
canles do coñecemento, estes innovadores acubillos dos que falamos
tódolos días en Código Cero, requiren novos xeitos de protección.
Debater sobre estes e albiscar os máis axeitados é a base das
xornadas Novas formas de produción e de acceso ao coñecemento:
Do analóxico ao dixital no Dereito de autor que se celebran este
venres 13 e o sábado 14 na Facultade de Dereito da USC organizadas
pola Asociación para o Estudo e o Ensino do Dereito de Autor
(ASEDA), a Fundación AISGE e o grupo de investigación da USC
Dereito Privado Europeo. Ao abeiro destes encontros participarán
especialistas de universidades españolas e estranxeiras co obxecto
de reflexionar sobre o estado dalgunhas cuestións relativas á
propiedade intelectual fronte a novas formas de produción e de
acceso ao coñecemento.
As xornadas, informa a
USC, permitirán ademais a análise do anteproxecto de Lei de
modificación do Texto Refundido da Lei de Propiedade Intelectual e
achegar ao debate lexislativo algunhas das conclusións dos estudos
realizados polos membros de ASEDA, facendo fincapé nos derivados dos
proxectos de investigación do grupo Dereito Privado Europeo. Máis
polo miúdo, a profesora e codirectora do encontro Isabel Espín é a
investigadora principal dun proxecto financiado pola Xunta de Galicia
sobre Obras orfas e dereitos de autor.
O reitor Juan Casares é
o encargado de presidir a apertuar do encontro, nunha sesión que
comezará ás 16:30 horas no Salón de Graos da Facultade de Dereito,
no que está prevista ademais a presenza do decano da Facultade de
Dereito, Luis Miguel Macho; do Presidente de ASEDA, Carlos Rogel, e
dos co directores do encontro científico, Isabel Espín, da USC, e
Miguel Ángel Bouza. Logo, desenvolveranse as conferencias
programadas sobre cuestións relacionadas coas perspectivas de
política lexislativa ante novas formas de produción e de acceso ao
coñecemento, as obras plásticas e a impresión 3D, propiedade
intelectual e reutilización da información do sector público. Xa o
sábado o programa retomarase a partir das 10.00 horas, cunha serie
de relatorios sobre propiedade intelectual e acceso aberto a artigos
científicos, dereitos de autor nos proxectos de dixitalización en
masa, e por último, a recente experiencia normativa brasileira en
materia de dereitos de autor.