Comezan na USC o Congreso de TADEGA orientadas a acadar mellor atención á diversidade polo vieiro das TIC

venres, 8 de novembro do 2013 Redacción

Baixo o lema Inclusión e cultura dixital comeza este venres en Compostela a terceira edición do Congreso de Tecnoloxías de Atención á Diversidade na Educación Galega, unha cita que vai afondar durante dúas xornadas (hoxe e mañá) en temas de especial relevancia como a inclusión educativa e as tecnoloxías da información, ou a comunicación como apoio para conseguila. En definitiva, falarase das tecnoloxías e do seu potencial para ser o menos exclusivas posíbel en si mesmas, e tamén, da necesidade de acadar unha Sociedade da Información cen por cen accesíbel para todas e todos (tal e como nos lembrou hai uns días o Espazo Ecosocialista). A cita vén da man da asociación TADEGA e Campus Culturae coa colaboración da USC. Celébrase na Facultade de Ciencias da Comunicación de Santiago de Compostela.
O venres pola tarde inaugurarase o devandito congreso cunha sesión introdutoria na que se tratarán as vantaxes e perigos das redes sociais, celebrarase unha mesa redonda onde se abordará o tema da atención á diversidade a partir de cuestións como de que xeito se fracasa ou non fracasa na actualidade. En canto ao sábado, as sesións serán prácticas, con tres obradoiros simultáneos (elixidos polos asistentes con anterioridade) que incluirán o uso das tablets e dispositivos móbiles como recursos educativos, as plataformas escolares e as redes sociais, experiencias de traballo con alumnos con necesidades específicas de apoio educativo, ideas e aparellos para as adaptacións de materias e espazos nas persoas con mobilidade reducida xunto con outros sistemas alternativos e aumentativos de comunicación.
Cómpre subliñar que este congreso xirará arredor de catro obxectivos básicos: a formación e aproveitamento do dixital na atención á diversidade, converterse nun punto de encontro para o intercambio de experiencias e recursos, a promoción de valores de inclusión, accesibilidade e usabilidade e a investigación no desenvolvemento de ferramentas e servizos de utilidade.
As persoas interesadas en participar neste congreso deben acceder á web de TADEGA onde atoparán un formulario de inscrición que poden descargar e toda a información polo miúdo deste evento.

PUBLICIDADE