Comezan a xurdir as alertas sobre campañas electorais “sucias” na Rede

xoves, 10 de maio do 2007 Fernando Sarasketa

Malia que a campaña electoral para os comicios municipais do 27 de maio non comezou de xeito oficial, o que se semella que deron comezo foron as ilegalidades e os abusos en materia de procura de intereses particulares, de tentativas de denigración dos restantes candidatos ou de (neste caso soen ser os alcaldables as vítimas, aínda que non sempre: ás veces benefícianse) de suplantación de identidades. Na páxina Alerta sobre Campañas Electorais Sucias atopamos algunha que outra información sobre isto (amais de moita sobriedade no deseño, como se pode comprobar) e nela fálasenos dalgunhas webs, blogs e correos electrónicos ofensivos. Nela, non deixa de chamarnos a atención que xa haxa candidatos tan preparados (de máis?) nisto do marketing viral e do posicionamento en buscadores como para tirar rendemento dos recursos web de Google ou Yahoo! para aparecer nos primeiros postos das procuras se alguén se mete no fregado de facelas.
Asemade, na devandita páxina pónsenos sobre aviso nun detalle no que se cadra non se reparou moito: a impersonalización. É dicir, estase espallando de xeito incontrolado na Internet a práctica de suplantar a identidade de candidatos para que sexan atribuídos a eles comentarios que decote van orientados a prexudicalos na súa campaña.
A web da que falamos representa á Asociación para a Prevención e Estudo de Delitos, Abusos e Neglixencias en Informática e Comunicacións Avanzadas (APEDANICA) e dende ela anímase á comunidade internauta a participar activamente no labor de denuncia co obxectivo de acadar un labor propagandístico en liña máis xusto e fiable, tanto para os electores como para os propios representantes públicos.

PUBLICIDADE