Comeza o traballo de DIXITEGA para crear a gran plataforma galega do sector cárnico
mércores, 2 de agosto do 2023
O
proceso de dixitalización da cadea de valor da produción cárnica
de IXP Ternera Gallega a través do proxecto DIXITEGA continúa este
verán co proceso participativo durante o que se solicita información
a unha mostra de responsábeis da produción, a industria e a
distribución. O seguinte paso de DIXITEGA será crear unha
plataforma tecnolóxica ao servizo do sector.
Entre
xullo e agosto, entrevistarase a unha decena de representantes de
entidades como Unións Agrarias, Asociación de Gandeiros Galegos de
Suprema, da cooperativa Almoga, Coren, da Asociación Gallega de la
Carne (ASOGACARNE), Asociación Gallega de Fabricantes de Alimentos
Compuestos para Animales (AGAFAC), Gadisa, Vegalsa, así como
propietarios de cebadeiros privados.
A
maiores, IxP Ternera Gallega compartirá unha enquisa en liña con
seus máis de 2.000 asociados para recoller as súas opinións.
Tras
procesar os datos obtidos e detectar as necesidades, no outono dará
comezo a terceira fase de traballo para comezar a crear e testear a
plataforma tecnolóxica DIXITEGA. A ferramenta, que será presentada
a finais de 2024, permitirá o acceso e manexo conxunto das fontes
públicas e privadas relevantes para a cadea de valor da IXP Ternera
Gallega e facilitará a toma de decisións a partir de datos
contrastados.
Desta
maneira, productores, cooperativas, industrias alimentarias, cadeas
de distribuidores, organizacións agrarias, centros tecnolóxicos,
grupos de investigación ou administracións públicas poderán
interactuar e compartir información relativa ao custe das materias
primas, evolución dos prezos, oferta e tipología dos animais
dispoñíbeis para a comercialización, estatísticas de produción,
sacrificio ou consumo, entre outras. “DIXITEGA”, informaron os
responsábeis do proxecto, “mellorará a transparencia e a
información útil compartida co consumidor final”.
Segundo
os impulsores de DIXITEGA, o agrogandeiro segue a ser un dos sectores
económicos con menor implantación das TIC, “isto a pesar de que a
dixitalización da cadea de valor das producións cárnicas en
Galicia é unha das necesidades perentorias para ser máis
competitivos e sustentábeis, tanto económica como social e
ambientalmente e, a maiores, cumprir os obxectivos do Pacto Verde
Europeo e da Estratexia da Granxa á Mesa”.
Barreiras
que marcan oportunidades
As
entidades impulsoras do proxecto lembran que as principais barreiras
detectadas para a transformación dixital en Galicia son o pequeno
tamaño das explotacións e, en xeral, as escasas marxes das unidades
produtivas e da industria cárnica, “que fan difícil acometer os
investimentos”. Amais, tamén é unha desvantaxe a dificultade de
acceso a datos públicos e privados; a existencia de fontes fiábeis
e útiles; a falta de interoperabilidade da información e a
dificultade das empresas tecnolóxicas para conectar cun sector
altamente atomizado.
O
obxectivo final de DIXITEGA será “achegar solucións prácticas e
innovadoras que respondan a estas barreiras para fomentar a
competitividade, a produtividade e a viabilidade dun sector
estratéxico para o medio rural de Galicia”.
En
xeral, o sector cárnico galego achega o 34% da PFA (Produción Final
Agraria). Está formado por 43.000 explotacións e 192 industrias que
facturan uns 1.400M€/ano e empregan a unhas 5.800 persoas.
Representa, así mesmo, un papel esencial na xestión do territorio e
na prevención dos incendios forestais.
En
paralelo ao desenvolvemento da aplicación, organizaranse xornadas de
formación para aprender a manexar a plataforma, consolidar o seu uso
entre os axentes da cadea de valor e inserir novos datos que a
manteñan actualizada.
O
proxecto DIXITEGA articúlase a través dun grupo operativo da
Asociación Europea de Innovación (AEI), co-financiado co Fondo
Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER) no marco do
Programa de Desenvolvemento Rural (PDR) de Galicia 2014-2020.
DIXITEGA
conta cun orzamento de 176.329,19€ financiado pola Consellería do
Medio Rural a través do Plan de Desenvolvemento Rural. Ademais da
Fundación Juana de Vega (coordinadores), participan a Fundación
Centro Tecnolóxico da Carne, o Consello Regulador das IXPs de Carne
de Vacún de Galicia, AGRIGGA Carne SCG e a Fundación Centro
Tecnolóxico de Telecomunicacións de Galicia (Gradiant).