Comeza este mércores a edición 2014 do campionato galego de modelado en 3D co teléfono móbil

martes, 7 de xaneiro do 2014 Redacción

A edición 2014 do campionato mundial de modelado 3D de precisión con móbil (D3mobile Metrology World League), un certame dirixido a fomentar a cultura e a vocación científica entre os máis novos a través dos móbiles e as súas potencialidades como ferramentas de deseño de achegas tecnolóxicas e industriais, bota a andar este mércores, a partir das 12.00 horas, na sala de xuntas da Escola Politécnica Superior do campus de Lugo. Alí, investigadores do grupo USCAN3D da USC, promotores deste proxecto que conta co apoio da operadora Vodafone, presentarán ao público a iniciativa.
O director deste proxecto, o profesor da Universidade Juan Ortiz Sanz, amosará polo miúdo tódolos detalles e implicacións deste torneo, mais de explicar as súas bases e obxectivos. Na cita estarán presentes tamén o vicerreitor de Innovación e Investigación do campus de Lugo, Pablo Ramil; o director da Escola Politécnica Superior, Javier Bueno, e o delegado de Cultura, Turismo, Ensino e Normalización Lingüística da Deputación Provincial de Lugo, Mario Outeiro.
Segundo fai saber a institución académica compostelá, a profesora e coordinadora do grupo de investigación da USC para a Documentación en 3D, Mariluz Gil Docampo, e Santiago Moreno, director xeral da Fundación Vodafone España, un dos patrocinadores desta iniciativa de fomento da cultura científica e da innovación avalada tamén pola Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT), tamén participarán na presentación da D3mobile Metrology World League 2014.
A edición a presentar este mércores é a segunda entrega da competición. Como particularidade para esta nova andaina e segundo avanzan os seus organizadores, este ano buscarase “acadar unha dimensión máis internacional, abrindo o certame á participación de estudantes de todo o mundo e achegando un desenvolvemento íntegro na Rede”.

PUBLICIDADE