Comeza en Ferrol a nova edición da Xuntanza Tecnolóxica da Politécnica

xoves, 22 de marzo do 2012 Fernando Sarasketa

A Escola Universitaria Politécnica de Ferrol, en Serantes, acolle entre este xoves 22 e o venres 23 de marzo unha nova edición do seu encontro empresarial-educativo destinado a pór aos alumnos galegos o máis preto posíbel do tecido produtivo innovador e, precisamente por este factor de creatividade, con meirandes posibilidades de futuro neste tempos de focha económica e busca de novas actividades e estratexias. Falamos da VIII Xuntanza Tecnolóxica, un evento que vén da man da comunidade de estudantes da dita escola, en colaboración coa dirección da mesma e outros departamentos, dirixido a xerar baixo un mesmo teito o maior fluxo de comunicación posíbel entre o alumnado e o eido empresarial da contorna.
Segundo fai saber a UDC, a vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social, Araceli Torres, inaugurará as xuntanzas, este xoves ás 9:30 horas, xunto co alcalde de Ferrol, José Manuel Rey, o director da escola, Manuel Graña, o presidente da Deputación da Coruña, Diego Calvo, o director de Navantia Ferrol-Fene, Esteban García Vilasánchez, unha das alumnas da organización María Rodríguez, e o decano do Colexio de Enxeñeiros Técnicos Industriais en Ferrol, Olegario Míguez.
O obxectivo deste encontro, amais de achegar aos alumnos e titulados ao mundo empresarial de cara á súa futura inserción laboral, é acurtar as distancias entre o mundo empresarial e a universidade, “acadando a colaboración activa das empresas na formación práctica e a experiencia laboral”. A idea é, a través destes diferentes vieiros de colaboración, afondar nos coñecementos de calidade sobre o sector industrial e o naval.

PUBLICIDADE