Comeza a pilotaxe do sistema de videovixilancia intelixente contra o furtivismo no litoral galego

luns, 11 de agosto do 2014 Redacción

Presentación de Videoguard ante os medios de comunicación en VilagarcíaA finais do mes de xullo arrancou nun municipio costeiro do litoral galego a pilotaxe do Proxecto Videoguard, un sistema de videovixilancia intelixente para a prevención e persecución da pesca e do marisqueo furtivos. O período de probas estenderase ata finais de ano e servirá á Xunta para valorar a viabilidade de implantar o sistema na costa galega, aproveitando as infraestruturas de telecomunicacións xestionadas polo operador público Retegal, dependente da AMTEGA.
O sistema permite detectar embarcacións en zonas de porto e rías, así como persoas en zonas de praia, rochas e bateas en horario diúrno ou nocturno. Videoguard está deseñado para dous posibles escenarios, larga e curta distancia.

Probas en dúas fases

A pilotaxe do sistema desenvolverase en dúas fases. Nesta primeira estase a probar o sistema desde longa distancia, a máis de 4 quilómetros da costa, empregando unha das torres de telecomunicación de Retegal. Deste xeito o sistema monitoriza tres escenarios, a zona de porto, bateas e de marisqueo a flote.
Na segunda fase, á volta do verán, o sistema probarase en distancia curta, que permitirá vixiar as entradas e saídas do porto, embarcacións e zona de bateas máis próximas

Funcionalidades do sistema

En ambos casos o sistema grava as imaxes da zona vixiada, analiza a información procedente das gravacións e, ante a detección dunha posible infracción, traslada a alarma ao centro de control e dispositivos móbiles en tempo real. Ademais, o sistema almacena a información permitindo a consulta e recuperación das imaxes gravadas.
O proxecto garante o respecto á privacidade requirida pola LOPD na monitorización e procesado de vídeo en espazos públicos, empregando técnicas de ocultación selectiva daqueles patróns visuais que puidesen permitir a identificación de persoas e embarcacións nas gravacións. Deste modo, o persoal de vixilancia poderá constatar que unha persoa ou embarcación está a cometer unha infracción pero sen poder recoñecela de forma inmediata. Esta ocultación será reversible, podendo recuperarse a imaxe orixinal por parte de persoal autorizado cando sexa necesaria a identificación, ou ben a achega da gravación como evidencia en caso de denuncia.

Consorcio de empresas

O Proxecto Videoguard está desenvolvido por un consorcio de empresas tecnolóxicas integrado por Coremain, Bastet Seguridad Tecnológica, TRC, Retegal e coa participación do Centro Tecnolóxico Gradiant, cun investimento de 1,8 millóns de euros, financiados con fondos do programa Innterconecta, a través da Consellería de Economía e Industria e o CDTI.

PUBLICIDADE