Comeza a perfilarse a oitava edición da Xornada de Usuarios de R en Galicia

martes, 3 de agosto do 2021 S. P.

A oitava edición da Xornada de Usuarios de R en Galicia comezou xa a perfilarse. O evento, previsto para o día 14 de outubro de 2021 e organizado pola Asociación de Usuarios de Software Libre da Terra de Melide (MeLiSA) co patrocinio da axencia autonómica AMTEGA, incluirá novamente relatorios sobre temas de actualidade co obxectivo de promocionar o coñecemento da linguaxe estatística R e as súas funcionalidades. Tamén se busca achegar “un punto de encontro para todas aquelas persoas interesadas en intercambiar as súas experiencias e atopar colaboracións do resto da comunidade”.
As persoas interesadas en enviar relatorios e contribucións, poden facelo xa seguindo os requisitos fixados pola organización, que podemos ver estes días na web de Mancomún (AMTEGA). Os resumos deberán ser aviados antes do 19 de setembro. A data límite para a avaliación dos traballos será o 1 de outubro.
Para quen non o saiba, R é un software orixinariamente deseñado para a análise estatística e a realización de gráficos e que nestes intres estase a utilizar en numerosos eidos relacionados coa estatística (xenómica, biomedicina, econometría, Big Data, bioloxía, ...). R ten unha natureza dupla de programa e de linguaxe de programación e distribúese baixo licenza GNU-GPL.

PUBLICIDADE