Comeza a difusión dos primeiros resultados do Inventario Forestal Continuo de Galicia

luns, 18 de abril do 2022 Redacción

Os primeiros mapas e informes do Inventario Forestal Continuo de Galicia (IFCG) xa están dispoñibles para a súa descarga no portal web da Consellería do Medio Rural. Podemos atopar estes recursos na web, froito do labor desenvolvido ao abeiro do convenio de colaboración asinado entre a Xunta e as universidades de Vigo e de Santiago. En particular, poden consultarse os mapas de usos da cuberta para os concellos de Carral e Abegondo (A Coruña), Alfoz (Lugo), Laza (Ourense) e Oia (Pontevedra).
Así, a Universidade de Vigo complementa esta información con mapas de dispoñibilidade do recurso, incorporando variables como a forma, a superficie ou a pendente da parcela e mesmo a súa distancia a pistas e estradas, como posibles condicionantes na xestión dos bosques.
Doutra banda, a Universidade de Santiago de Compostela presenta uns informes detallados dos resultados obtidos no inventario piloto da rede base de parcelas forestais que se mediron ao longo do ano 2021 por brigadas forestais da Xunta. A calidade da toma de datos foi excelente e os resultados poñen de relevo a diversidade de especies e idades que existen en Galicia. O protocolo de recollida, así coma os datos brutos que foron recompilados polas brigadas de campo, tamén están dispoñibles para o seu uso público.
O obxectivo deste avance de contidos é amosar ás principais organizacións que compoñen o sector forestal galego e a todas as persoas interesadas a información que se pretende xerar para toda a superficie forestal de Galicia. Trátase tamén de recoller a súa opinión e de incorporar melloras ou cambios froito do que remitan estas entidades.
A maiores, a Consellería do Medio Rural e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia traballan nunha páxina web que permitirá navegar polos mapas, acceder a información das parcelas e descargar os informes de especies e volumes de madeira dos montes galegos.
Este Inventario é un instrumento básico para coñecer e recoñecer a realidade da superficie forestal de Galicia e avanzar así nunha mellora da súa xestión. Trátase dun mecanismo que permite facer diagnoses adecuadas e constitúe, en consecuencia, unha ferramenta fundamental para a toma de decisións políticas públicas ou empresarias relacionadas co sector, que permitirá afondar no desenvolvemento sustentable do medio rural, a prol da política forestal planificada, comprometida, consensuada e verificable.

PUBLICIDADE