Comeza a coller corpo o banco dixital galego de prácticas culturais referenciais

martes, 7 de marzo do 2017 Redacción

A Deputación da Coruña, a través da súa Área de Cultura, anunciou esta semana o seu apoio ao Banco Dixital das Boas Prácticas Culturais, unha iniciativa web con feitura de repositorio e centrada en amosar ante o mundo os froitos de experiencias creativas desenvolvidas na nosa terra e cun marcado cariz referencial. O apoio da Deputación materializarase a través de financiamento. O banco dixital vén da man da Asociación Galega de Profesionais de Xestión Cultural.
Nunha xuntanza na que participaron a vicepresidenta e responsábel da Área de Cultura, Goretti Sanmartín, e o asesor deste departamento, Xavier Campos, ambos por parte da Deputación da Coruña, e o presidente, Alberte García e vicepresidente, Carlos Lorenzo, por parte da dita asociación, acordouse a posta en marcha do acubillo en liña e puxéronse sobre a mesa detalles básicos da súa andaina, como o prazo adicado ao seu desenvolvemento (dous anos). Segundo explicou Sanmartín, a Deputación valorou “de maneira moi positiva a iniciativa”, entre outras cousas “porque dará a coñecer dentro do propio ámbito da cultura galega o traballo de profesionais e iniciativas de grande interese que se desenvolven en diferentes escalas, desde concellos a asociacións sen ánimo de lucro, pasando por empresas ou entidades de maior dimensión”.

PUBLICIDADE