Comeza Startup Pirates Ourense, ou como facer realidade un negocio en sete días

venres, 2 de maio do 2014 Redacción

Presentación da iniciativa na sede da CEO /Imaxe de Marcos Atrio para La Región

Será mañá, sábado 3 de maio, cando dea comezo en Ourense unha nova andaina do programa Startup Pirates, edición galega. Unha proposta que -como demos conta dende Código Cero- estenderase até o 10 de maio e que xa vai pola súa segunda edición na nosa terra (a primeira foi en Vigo). Con esta idea preténdese fomentar o emprendemento social, é dicir, a posta en marcha dun negocio que non só xere beneficios para quen o xestiona, senón que ademais poida ter un retorno na sociedade.
A idea era presentada a comezos de abril na sede da Confederación Empresarial de Ourense (CEO), entidade que actúa como socia organizadora e que fornecerá con bolsas a dez das persoas que sexan aceptadas para participar no curso. “Preténdese que quen participen coñezan durante unha semana as ferramentas para lanzar unha idea ao mercado”, explicaba Mónica Regueiro, unha das coordinadoras da iniciativa que, asegurou, “está presente nos catro continentes”. Buscar a mellor maneira de realizar un proxecto tentando facer o menor investimento posíbel será un dos principais obxectivos do programa, cuxos participantes terán entre o 3 e o 10 de maio intensas xornadas de traballo con expertos en diversos eidos. Finalmente, cada “pirata” terá que presentar unha idea de negocio a un xurado, cuxos membros lle darán unha valoración. Todos os que se presenten recibirán un premio pero o que resulte gañador poderá ocupar durante tres meses un espazo na sala de coworking da Tecnópole.

PUBLICIDADE