Comeza Conecta Fiction co obxectivo de impulsarnos como factoría de contidos dixitais

martes, 20 de xuño do 2017 Fernando Sarasketa

Este mércores 21, e até o 23, desenvólvese na Cidade da Cultura de Santiago (e noutros espazos de Compostela) o evento Conecta Fiction, un congreso internacional adicado á co-produción de ficción audiovisual (series, miniseries e webseries). Na cita contarase coa presenza de 350 profesionais do sector dos contidos audiovisuais e dixitais de 20 países, entre os que se contan directivos de cadeas e plataformas, produtoras, distribuidoras, empresas investidoras, amais de creadores e guionistas. O principal obxectivo da feira é acadar que nos vexan no mundo e conseguir máis coproducións internacionais. O talento audiovisual galego, de feito, xogará un papel moi salientábel. Por exemplo a través da produtora Ficción, responsábel da serie e a aplicación para móbiles Tutu.
Segundo nos conta a organización do evento (Xunta, ICEX España e Fundación SGAE, baixo a produción de Inside Content), xuntaranse no Gaiás profesionais de ámbalas beiras do Atlántico representando a empresas (produtoras, cadeas, plataformas dixitais de distribución, operadoras) como Arte, Atresmedia, Fox Networks Group, France Televisión, HBO, Mediaset, Movistar+, Netflix, RTVE, RTP de Portugal, Sony Pictures TV, Telemundo, Televisa, Televisión Nacional de Chile, Turner Latin America, TV Azteca e Univisión, entre moitas outras.
Dentro deste marco, e despois da inauguración oficial a cargo do presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, a Televisión de Galicia e o Clúster Audiovisual Galego mostrarán na primeira xornada de actividades a campaña Consuma audiovisual galego. O seu obxectivo é “dar a coñecer o talento dos profesionais das series en Galicia, así como a variedade e calidade dos recursos dos que dispón a Comunidade como plató de rodaxe”.
A produtora galega Ficción Producciones dará a coñecer tamén, na primeira xornada e ao abeiro dunhas sesións exclusivas para profesionais, o seu novo proxecto Una casa en Amargura, unha serie ambientada na Cuba de 1850, onde unha escrava busca as súas fillas e unha moza burguesa procura a súa liberdade. Segundo conta a organización de Conecta Fiction, a historia seduciu xa a un xurado internacional de expertos, que a elixiu como unha das 10 finalistas entre proxectos chegados de todo o mundo para participar nestas sesións. O gañador asinará un contrato con Movistar+ ou con RTVE para desenvolver a serie.
Outras produtoras galegas que presentarán os seus proxectos procurando atopar novos socios para os mesmos son Portocabo (responsábel de Vidago Palace) e Vaca Films, impulsora de longametraxes tan meritorias como O descoñecido.
Amais do devandito, celebrarase na primeira xeira de traballo a presentación da serie La catedral del mar (impulsada por Atresmedia e baseada no éxito de vendas literario do mesmo nome) e máis unha demostración a cargo de Sociograph do seu modelo de neuromarketing, unha metodoloxía de traballo que avalía polo miúdo os impulsos dunha mostra de audiencia perante un produto audiovisual. O obxectivo é extraer datos posibiliten orientar unha obra en proceso de creación cara a unha meirande aceptación entre o público. Desenvolvido por un equipa da Universidad de Salamanca, o sistema xa foi probado por unha chea de marcas de variados sectores con taxas de efectividade de até o cen por cen.
A maiores do devandito, o programa de Conecta Fiction abrangue dúas ducias de encontros con profesionais de referencia no eido internacional para abordar as oportunidades e os retos da coprodución internacional de series. Haberá paneis, mesas redondas, obradoiros, sesións de financiamento e incentivos fiscais e demostracións.
A organización tamén busca garantir aos participantes a oportunidade de facer contactos e fixar reunións a través da Caixa de Ficción, nome co que se bautizou tanto a plataforma en liña destinada a xestionar a axenda dos inscritos, como a zona de reunións individuais e personalizadas que se habilitará na Cidade da Cultura.
O programa complétase con cinco sesións de proxeccións de series, con varias primicias europeas, que buscan “poñer en valor a calidade e o atractivo das producións realizadas a ambas as beiras do Atlántico e no que terá un especial protagonista Arxentina, como país de honor de Conecta Fiction”.

PUBLICIDADE