Colle impulso o centro de coworking de Ames, centrado no audiovisual e no dixital

luns, 1 de abril do 2019 Fernando Sarasketa

A Deputación da Coruña está a impulsar novos centros de coworking en Ames (Milladoiro), Oleiros, Carballo, Brión e Boiro. Son os escenarios que conforman a Rede de Espazos de Traballo Colaborativo, dirixidos a facer despegar o emprego e a innovación aplicada aos xeitos de traballar e, tamén, aos produtos e servizos resultantes. Hoxe mesmo a entidade provincial aprobou unha achega de 200.000 euros para a adquisición do local que o Concello de Ames converterá en centro de coworking. Estará centro no audiovisual e na innovación dixital. A intención do Goberno local e da Deputación é facer que “sexa a clave da transformación socioeconómica do municipio”.
Tanto o enclave de Ames como os restantes de Oleiros, Carballo, Brión e Boiro, comparten a arela común de servir de acubillo ao traballo colaborativo de carácter sectorial, adaptándose todos eles, coas súas características propias, ás necesidades específicas dos sectores profesionais con maior potencial de cada unha das zonas. Así, o centro de Oleiros estará destinado ao sector da arquitectura, o urbanismo, a enxeñería ou as enerxías renovábeis; o de Carballo a empresas TIC; o de Boiro ao sector do mar e o de Brión á transformación de produtos do sector primario, mentres que o de Ames centrarase no sector audiovisual e a innovación dixital.
Segundo fixo saber hoxe o presidente da Deputación, Valentín González, “os centros terán ámbito comarcal e a súa finalidade será axudar a desenvolver sectores produtivos e profesionais específicos en cada zona da provincia”. E engadiu: “O noso obxectivo é acompañar aos emprendedores na posta en marcha das súas ideas de negocio, prestarlles servizos e permitir que compartan experiencias, creando sinerxías e transferencias de coñecemento que impulsen o desenvolvemento dos seus proxectos”.
Coworking Ames
A través deste espazo, o Concello de Ames poderá pór a disposición de emprendedores e empresas da comarca servizos e infraestruturas físicas de apoio para apoiar o desenvolvemento do proxecto empresarial na fase preliminar. Será, en palabras da Deputación, “un espazo de acollida temporal pensado para situar empresas nos seus primeiros pasos, acompañalas e fornecelas de determinados servizos adaptados ás necesidades de cada proxecto empresarial”.
O espazo servirá ademais para que profesionais de diferentes sectores, compartan o mesmo espazo físico para traballar nos seus propios proxectos e facilitar o intercambio de ideas, proxectos, coñecementos e fomentar a colaboración.

PUBLICIDADE