Colle impulso na UDC o futuro plan europeo de estudos en IA

mércores, 22 de xuño do 2022 S. P.

O Grupo Integrado de Enxeñaría da Universidade da Coruña presentou este mércores 22 de xuño os resultados do proxecto europeo de innovación educativa AI+: Developing an Artificial Intelligence Curriculum adapted to European High School, unha iniciativa de innovación educativa que ten por obxectivo elaborar un plan de estudos para unha materia de Intelixencia Artificial (IA) adaptada a estudantes de Bacharelato, e válida para toda Europa.
O evento, celebrado no Salón de Actos Concepción Arenal do Campus Industrial de Ferrol, foi presidido pola vicerreitora María Jesús Movilla, e o adxunto de Mobilidade e Convenios da Vicerreitoría de Internacionalización e Cooperación, Evaristo Zas. Participaron tamén o profesorado e o alumnado dos dous centros galegos involucrados no proxecto, o CPI A Xunqueira de Fene e o IES David Buján de Cambre.
O proxecto, que foi recoñecido polo Servizo Español para a Internacionalización da Educación (SEPIE), contou coa implicación do profesorado e o persoal técnico do Grupo Integrado de Enxeñaría e coa colaboración de seis centros de ensino secundario e de bacharelato de cinco países europeos: o 2IIS A-Ruiz (Italia), o Viesoji istaiga Panevezio Profesinio Rengimo Centras (Lituania), o CPI A Xunqueira (Fene, A Coruña, España), o Solski center Velenje (Eslovenia), o Joensuun yhteiskoulun lukio (Finlandia) e o IES David Buján (Cambre, A Coruña, España). Todos estes centros foron seleccionados en base á súa experiencia previa en proxectos europeos Erasmus+ e á súa traxectoria en innovación educativa.
Tal e como explicou o coordinador do proxecto AI+, o profesor e investigador Fran Bellas, “o desenvolvemento dun plan de estudos para unha materia de Intelixencia Artificial e a súa futuríbel implantación en toda Europa permitirá reducir a fenda de xénero no eido da enxeñaría, a taxa de abandono escolar e facer máis accesíbeis uns contidos de vital importancia para a sociedade”.
O Grupo Integrado de Enxeñaría deseñou 16 unidades didácticas nas que o alumnado participante debía afondar no campo das aplicacións para smartphones, da robótica autónoma e da Intelixencia Artificial colectiva. Botando man dos propios dispositivos intelixentes do alumnado e do robot educativo Robobo, o profesorado dos centros colaboradores impartiu estas unidades didácticas como actividade extracurricular ou integrada como parte de materias de tecnoloxía xa existentes. Os seus comentarios e achegas permitiron adaptar e mellorar uns documentos de traballo que son accesíbeis, de xeito totalmente gratuíto, a través da páxina web do proxecto AI+.
Na xornada deste mércores 22, as alumnas e alumnos de ESO do CPI A Xunqueira de Fene e de ESO e Bacharelato do IES David Buján de Cambre compartiron as súas vivencias e experiencias con outros centros da comarca de Ferrolterra. Todos destacaron que “participar no proxecto europeo AI+ permitiulles mellorar a súa capacidade de traballo en equipo, os seus coñecementos en informática, o seu nivel de inglés e, por suposto, achegarse á Intelixencia Artificial dun xeito ameno e divertido”.
Pola súa banda, as profesoras do CPI A Xunqueira de Fene, Blanca López, e Montse Iglesias, puxeron en valor un proxecto “que permitiu que o seu alumnado explorase campos que a formación regrada non permite”. Salientaron tamén “a necesidade de continuar poñendo en marcha iniciativas coma esta que permitan fomentar e fortalecer a relación entre a universidade e os centros de ensino secundario”. Nesta mesma liña pronunciouse o profesor do IES David Buján, Luis Couceiro, quen subliñou tamén a importancia de que o alumnado de bacharelato teña as ferramentas necesarias para elixir que estudar nun futuro achegándose neste caso á universidade e a todas as súas potencialidades.

PUBLICIDADE