Colle corpo definitivo o proxecto galego RECUPERA para rehabilitar persoas con dano neurolóxico

venres, 1 de febreiro do 2019 Fernando Sarasketa

Os días pasados foron días de lanzamentos e comercializacións de innovación galega. A empresa Balidea protagonizou dous destes lanzamentos: o da tecnoloxía desenvolvida ao abeiro do proxecto TOURAL (xunto con Situm, Nordesía e S-REC) e, tamén, o dos resultados obtidos con RECUPERA, unha iniciativa igualmente liderada por Balidea e que serviu para dar forma a un sistema de apoio na rehabilitación de doentes de dano neurolóxico a través dunha ferramenta que combina robótica e máis realidade virtual.
O proxecto RECUPERA culminou esta semana tres anos de traballo. Tal e como sinalamos no seu día dende Código Cero, reflectindo no 2016 a súa presentación no Hospital POVISA de Vigo, consiste nun ambicioso proxecto que ten un dos seus piares fundamentais nun robot con capacidade para ser aplicado clinicamente en procesos de recuperación de persoas vítimas de doenzas como ictus ou accidentes cerebro-vasculares. Incorpora, amais, un sistema de realidade virtual envolvente para permitir aos usuarios recrear actividades concretas do seu quefacer diario e prepararse, deste xeito, para levalas a cabo no plano real. RECUPERA foi liderado por Balidea en colaboración co Hospital POVISA, Aimen Centro Tecnolóxico e as empresas DGH, i3Te e Ficción Producciones.
Os resultados presentáronse os días pasados en Aimen Centro Tecnolóxico, onde se lembrou que RECUPERA xorde como continuación do proxecto Fisiorob e que foi concibido para asistir aos pacientes en todas as fases da súa recuperación: desde a máis crítica (cando non hai capacidade neuromotora apreciábel), pasando pola etapa onde comeza a haber movemento pero non resistencia, até a fase previa á alta médica, cando malia terse rexistrado importantes avances, aínda non hai control motriz dabondo.
Segundo explicou Balidea, en 2018, a última anualidade do proxecto, finalizouse o desenvolvemento da tecnoloxía coa integración dos principais subsistemas: “Conseguiuse un prototipo totalmente funcional que une unha contorna de realidade virtual con exercicios avanzados, un sistema de sensores inerciais para a localización en 3D, un control mellorado e un sistema informático que integra control, interface gráfico e almacenamento en BBDD”, detallou a empresa de Santiago, engadindo que durante o último ano realizáronse probas con persoas sas, “co obxectivo de demostrar que o aparello mostra información obxectiva de valores cinéticos e cinemáticos, que non é lesivo e que os parámetros poden mellorar co adestramento”. Ademais, grazas a estas probas xeraranse patróns de comportamento que permitirán comparativas entre pacientes reais e os datos de persoas sas.
O proxecto contou cun orzamento de 862.390,17 €, co-financiado en 456.636,17 € pola Axencia Galega de Innovación e apoiado pola Consellería de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia, a través do programa Conecta PEME para fomentar a cooperación entre as empresas e os demais axentes do sistema galego de innovación, co-financiado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) da Unión Europea.

PUBLICIDADE