Código Cero e O Barbanza na listaxe de empresas xeocalizadas na app Abertos ao Galego

venres, 28 de agosto do 2020 Redacción

A Mesa pola Normalización Lingüística mantén en activo (e enriquecéndose) unha iniciativa de comunicación tecnolóxica para promover o galego entre as empresas e os establecementos comerciais: Abertos ao Galego. E faino botando man das tecnoloxías móbiles (unha app de seu) e dos recoñecementos e as distincións (visibilidade ante os clientes reais e potenciais) ao empresariado e aos profesionais que apostan pola nosa lingua como servizo engadido para o cliente. Á listaxe de empresas xeolocalizadas na app, longa e variada, tivo a sorte de adherirse recentemente o Grupo Código Cero Comunicación, responsábel da web-revista Codigo Cero e máis de O Barbanza, dous medios comprometidos coa difusión e defensa da nosa cultura dende os comezos da súa andaina.
En virtude desta incorporación, a nosa empresa ficará xeolocalizada na aplicación móbil gratuíta de Abertos ao Galego.
A Mesa pola Normalización, a respecto das empresas que figuran na ferramenta móbil, lembra que “non hai mellor proba de compromiso e responsabilidade co noso idioma que o seu uso normal que ademais cómpre recoñecer publicamente pois, especialmente no que afecta ao empresariado, aínda existen importantes dificultades que non son paliadas pola administración pública galega”.
Que é Abertos ao Galego?
Abertos ao Galego é un proxecto que a Mesa pola Normalización Lingüística puxo en andamento en 2008 para promover o uso do galego e dar visibilidade ás empresas que traballan en galego no seu día a día. Inclúe unha app do mesmo nome dispoñíbel para para terminais Android e iOS, onde están sinalados os establecementos que contan co certificado Abertos ao Galego xunto a aqueles dos que A Mesa ten constancia do uso da nosa lingua.
Alén da aplicación de uso gratuíto, todas as empresas que deciden asociarse ao proxecto Abertos ao Galego, dispoñen de maior visibilidade e promoción por parte das canles de Abertos e da Mesa pola Normalización Lingüística.

PUBLICIDADE