Code Llama: o novo modelo de linguaxe de Meta para programar

xoves, 24 de agosto do 2023 Marcus Fernández

Meta continúa a realizar grandes avances no eido da intelixencia artificial, e tras publicar varios proxectos nos últimos meses, finalmente publica Code Llama, un grande modelo de linguaxe pensado para a xeración e discusión de código, ou sexa, para facilitar o traballo dos programadores informáticos e facilitar tamén a aprendizaxe da programación.
Code Llama podería empregarse como unha ferramenta de produtividade ou educativa, axudando aos desenvolvedores a escribir software ben documentado. Esta achega de Meta chega cunha licencia que permite o seu uso tanto para investigación como comercial, polo que é de esperar que xurdan bastantes proxectos que queiran aproveitar esta versión especializada de Llama 2.
Este novo modelo de linguaxe entende as linguaxes de programación máis populares actualmente, como Python, C++, Java, PHP, Typescript ou C# e, de feito, conta xa cunha versión especializada en Python, dada a importancia que están a ter Python e PyTorch na comunidade que está a desenvolver proxectos relativos á intelixencia artificial.

PUBLICIDADE