Cinetube deféndese da Comisión de Propiedade Intelectual cun acta notarial

mércores, 20 de xuño do 2012 Marcus Fernández

A polémica Comisión Sinde continúa a remitir notificacións, e a segunda páxina web afectada da que temos coñecemento é CineTube, espazo ao que se lle remitiu a pertinente notificación de apertura dun procedemento para protexer os dereitos de autor facendo referencia a ligazóns directas a películas e series de televisión, o que levou aos responsables da páxina web a presentar un acta notarial na que acreditan non atopar ningún tipo de ligazón no seu sitio web, á vez que critican as complicacións que tiveron para facer chegar as súas alegacións ao Ministerio de Cultura.
Nesta ocasión é EGEDA a entidade que quixo levar a Brimtec Media (CineTube) ante a Comisión de Propiedade Intelectual, pero a acta notarial que asegura que non existen ligazóns directas que faciliten a reprodución ou descarga de contidos suxeitos a dereitos de autor parece neutralizar as actuacións da Comisión.
As ligazóns en CineTube xa se tiñan retirado con anterioridade e, de feito, o espazo xa perdera moito tráfico tras o peche de Megaupload e outros servizos de aloxamento de ficheiros, polo que na actualidade sería “unha páxina de promoción do cine” segundo declarou o seu avogado, Carlos Sánchez Almeida.

PUBLICIDADE