Cilenis presenta os seus éxitos perante a nosa comunidade docente e empresarial

luns, 2 de febreiro do 2015 Redacción

O co fundador e director de Cilenis, empresa xurdida ao abeiro da Universidade de Santiago e especializada en tecnoloxías da linguaxe, Isaac González, presentou a súa iniciativa o pasado venres 30 perante a nosa comunidade TIC docente, investigadora, profesional e empresarial. O acto celebrouse no Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías da Información (CiTIUS). Amais das liñas principais de actividade de Cilenis, González tamén expuxo (nun plano máis concreto) algunhas das ferramentas lingüísticas achegadas pola empresa: dende analizadores de sentimentos até recoñecedores de entidades e conxugadores en diferentes idiomas, como o galego, o español, o portugués e o inglés.
Asemade, debullou as orixes da compañía (que iniciou a súa actividade en 2011 como spin-off universitaria, gañando nese mesmo ano o Primeiro Premio como Proxecto Empresarial Innovador) e algúns dos principais fitos da súa andaina (como por exemplo a adhesión ás fileiras de Cilenis, en 2012, do empresario e analista económico Marc Vidal, que se converteu en socio da empresa galega adquirindo parte da mesma).
Unha das cuestións máis salientábeis da presentación foi sen dúbida o portal de ferramentas lingüísticas Linguakit lanzado o ano pasado por Cilenis. Isaac González lembrou que esta achega ofrece ao gran público un completo portal de análise textual que achega de xeito doado unha morea de instrumentos tecnolóxicos para o uso e o estudo de catro linguas: galego, español, inglés e portugués. Trátase, dixo, do primeiro portal de recursos lingüísticos para este grupo de idiomas e, moi especialmente, para o galego, que dispón por primeira vez de ferramentas até agora só accesíbeis para o inglés e o castelán.
Cilenis tamén lembrou que o dito espazo na Rede conta, entre outras cousas, cun conxugador verbal ou un extractor de palabras chave, pasando por un analizador do sentimento dun enunciado, un resumidor, un tradutor ou un corrector ortográfico e gramatical. “Linguakit poderá ser ben útil para: publicistas, xornalistas, tradutores, profesores e lingüistas, ou en xeral calquera persoa con interese pola lingua”, engadiu a empresa no seu día.

PUBLICIDADE