Cilenis crea unha web de análise textual en galego, castelán, inglés e portugués

luns, 3 de novembro do 2014 Redacción

Cilenis, start-up galega composta por lingüistas e informáticos e que ten como obxectivo a creación de aplicacións avanzadas, vén de lanzar Linguakit, un completo portal de análise textual en galego, castelán, inglés e portugués. Estamos perante un portal en liña multilingüe que achega de xeito doado unha morea de instrumentos tecnolóxicos para o uso e o estudo de catro linguas: galego, español, inglés e portugués. Trátase do primeiro portal de recursos lingüísticos para este grupo de idiomas e, moi especialmente, para o galego, que disporá por primeira vez de ferramentas até agora só accesíbeis para o inglés e o castelán. Cilenis, empresa tecnolóxica xurdida ao abeiro da USC, facilitará a aprendizaxe e a corrección no uso destas linguas apoiándose nos medios dixitais.
E con que conta este espazo na Rede? Dende un conxugador verbal a un extractor de palabras chave, pasando por un analizador do sentimento dun enunciado, un resumidor, un tradutor ou un corrector ortográfico e gramatical. Linguakit poderá ser ben útil para: publicistas, xornalistas, tradutores, profesores e lingüistas, ou en xeral calquera persoa con interese pola lingua.
Todas as persoas que queiran probar Linguakit poden facelo de balde rexistrándose na web linguakit.com, o que lles dará dereito a facer até 100 consultas mensuais. Para usos máis extensivos, hai plans adaptados ás necesidades de cada usuario dende 3,95€/mes.
E máis polo miúdo, as ferramentas lingüísticas dispoñíbeis en Linguakit son un resumidor que achega unha síntese do contido dun texto; un corrector capaz de identificar erros léxicos e gramaticais proporcionando unha explicación didáctica dos mesmos así como posíbeis opcións de corrección; o mellor tradutor en liña dispoñíbel para o par de linguas que o usuario elixa; un conxugador verbal que inclúe verbos de dobre conxugación e mesmo inventados; ou unha completa ferramenta de análise que amosa algunhas das posibilidades que ten o usuario para traballar coa lingua ofrecendo á vez o resultado parcial de varias das ferramentas de Linguakit.
En canto ás ferramentas de análise lingüística, estas permiten contabilizar o número de veces que unha palabra aparece nun texto atendendo á súa categoría gramatical e outros datos xenéricos como o número de frases, de palabras ou a variedade léxica do texto; facilitan o contexto anterior e posterior das palabras chave elixidas polo usuario; proporcionan información morfolóxica de cada tipo de palabra dun determinado texto; e realizan unha análise completa das relacións sintácticas ou de dependencia existentes entre os pares de palabras dun texto.
De referírmonos ás ferramentas de análise de texto, estas posibilitan analizar o sentimento dun enunciando, valorando o grao de positividade, negatividade e/ou neutralidade; identificar o idioma no que foi escrito, tendo en conta, para o caso do galego, as variantes recollidas na RAG (Real Academia da Lingua Galega) e AGAL (Associaçom Galega da Língua); extraer as palabras chave, clasificándoas segundo o seu grao de importancia, ou os grupos de palabras chave, clasificándoos segundo o seu grao de cohesión interna; e recoñecer as entidades, nomes propios e datos numéricos dun texto para catalogalos como persoas, lugares, organizacións, organismos, datas ou cantidades.

PUBLICIDADE