Científicos cataláns deseñan un software para avaliar en liña o ADN

luns, 6 de outubro do 2008 Fernando Sarasketa

A este paso, non haberá operación cotiá que non se leve a cabo nas redes. Ou que non teña relación máis ou menos directa con elas. Mesmo saber polo miúdo quen somos e que datos levamos dentro: algo así como empregar as novas tecnoloxías como un gran microscopio encamiñado a facer máis doado o traballo da comunidade científica. Diso precisamente, de afondar nos segredos da información xenética (ADN) e de abrir vieiros que vaian directos a ese coñecemento é do que trata un proxecto no que están a traballar investigadores cataláns e que podemos ver arestora reflectido na Plataforma Sinc e máis na revista Bioinformatics. Máis en detalle, trátase dun software que é quen de calcular as propiedades estruturais das moléculas de ADN e relacionalas coa información xenética existente nas bases de datos de Internet.
A ferramenta informática vai dirixida a facilitar na medida do posible un traballo de envergadura: o estudo da información xenética mesma, que require grandes cantidades de números e datos en xeral e que moitas máis veces das desexadas están espallados en computadores de organismos do eido internacional, dificultándose deste xeito calquera tarefa ao respecto.
Partimos polo tanto dun software que pon orde no caos. “Con esta ferramenta”, coméntalle a SINC Carles Fenollosa (enxeñeiro informático da institución MMB, que reúne aos grupos que traballan nesta iniciativa), “pódese levar a cabo a análise sinxela de secuencias e operar cos resultados de xeito visual e intuitivo”.
O recurso informático, que como dixemos foi dado a coñecer na revista Bioinformatics, chámase DNAlive, e xorde da man do dito grupo MMB no seu marco do Programa Conxunto de Investigación en Bioloxía Computacional. O obxectivo do grupo, xa que se trata de facer algo que converta en doado o contido, é facilitar tamén a feitura. De feito, non se require ao usuario para a programación in situ de complexos algoritmos.
Co gallo de posibilitar meirande interconexión de datos, a ferramenta intercambia de xeito automático información con bases de datos de outras institucións, “amosando os resultados cruzados para que o usuario non necesite escolmar todos eses datos de maneira manual dende diferentes programas e webs”. O resultado: unha imaxe gráfica con fotografías en cor e animacións onde figura todo o coñecemento que foi requirido.

PUBLICIDADE