Chuza! convídanos a facer Rede galega co seu Certame de Aplicacións

luns, 21 de xullo do 2014 Redacción

Este Día da Patria de 2014 conmemóranse moitas cousas galegas, e entre elas unha tecnolóxica. Falamos dos catro anos da nova andaina de Chuza!, unha iniciativa nada en 2006 coa arela de facer comunidade en liña galego-falante ao tempo que información crítica e posibilidade de valorala en man común. Como din os impulsores deste segunda vida do agregador social galego, os catro primeiros anos foron anos de novidades, discusións e diversións, tres cousas que non sempre foi posíbel separar, e é probábel que nesa mestura de acontecementos e conceptos estivese boa parte da graza do proxecto. Ben, na segunda vida de Chuza! Seguen adiante as novidades, as discusións e as diversións, e para conmemoralo convocouse dende a asociación un Certame de Aplicacións.
O concurso foi lanzado en abril deste ano, pero coa chegada do 25 de xullo e da conmemoración de Chuza! nada mellor que lembrar que o prazo de presentacións segue aberto.
Lembrar tamén que o Certame de Aplicacións de Chuza!, organizado en colaboración co Grupo de Programadores e Usuarios de Linux (GPUL), diríxese a contribuír ao desenvolvemento tanto da páxina web de Chuza! coma do tecido de aplicacións de software libre galegas.
A este certame poderanse presentar aplicacións de código aberto relativas á cultura ou á sociedade galega, podendo ser tanto unha aplicación independente como unha mellora aplicada á páxina web de Chuza!, optando así a facerse cun primeiro premio de 250 euros ou a un par de accésits de 50 euros e/ou material. Valorarase o correcto emprego do paradigma de programación escollido, o emprego de patróns de deseño coherentes e xustificados, a accesibilidade da aplicación, a claridade do seu código e os principios básicos da programación orientada a obxectos e o deseño.
A recepción de traballos para este certame desenvolverase ata o 15 de outubro, elixíndose ao gañador como máximo un mes despois de tal data.

PUBLICIDADE