Chrome podería transmitir o seu contidos a Chromecast sen extensións en breve

mércores, 13 de xaneiro do 2016 Marcus Fernández

O evanxelista de Google, François Beaufort, deu conta a través de Google+ de que o equipo que desenvolve Chromium está a experimentar na canle de probas do navegador Chrome unha nova funcionalidade, que consiste en poder transmitir o contido da fiestra do navegador directamente a un dispositivo como un Chromecast, pero sen precisar da instalación da extensión Google Cast que hai que empregar agora, de xeito que pasaría a ser unha función nativa da aplicación e facilitaría aos usuarios o uso desta tecnoloxía que fai doado que podamos ver no televisor contidos da web.
Para acceder a esta nova función basta con activar a etiqueta Media Router no correspondente menú de configuración do navegador en probas, tras o que se desactivará a extensión de Google Cast e poderase activar a retransmisión dunha fiestra do navegador con premer na mesma co botón dereito e acceder a un novo menú que aparecerá baixo o nome de Cast.
Polo momento descoñécese cando esta característica pasará a formar parte da versión oficial de Chrome, pero dá a impresión de que Google busca potenciar a tecnoloxía de retransmisión que cada vez goza dunha maior popularidade.

PUBLICIDADE