China filtra os contidos de Google.com.hk para os seus cidadáns

martes, 23 de marzo do 2010 Marcus Fernández

A xente deixou flores sobre o logotipo de Google nas súas oficinas chinesas

A decisión por parte de Google de redirixir o tráfico de Google.cn a Google.com.hk non quedou libre de consecuencias, e dende o Goberno chinés, moi molestos con este movemento do buscador que consideran que «violou o compromiso escrito asinado cando entrou no mercado chinés ao frear o filtro do seu servizo de busca e culpara a China insinuando supostos ataques de hackers», e decidiron aplicar os seus propios filtros ao tráfico web chinés dirixido á versión hongkonesa do buscador, de xeito que os contidos que Google censuraba en Google.cn continúan bloqueados para os internautas ao outro lado das devasas (firewalls) chinesas.
Deste xeito, cando un chinés busca información sobre a matanza de Tiananmen ou o conflito do Tíbet, continúa sen chegar a tales contidos, polo que a decidida decisión de Google contra a censura chinesa parece que só servirá para minar os intereses asiáticos da compañía, que agora ve perigar acordos con compañías coma China Mobile e China Unicom para integrar Google nos seus móbiles ou para comercializar terminais co sistema operativo Android. Incluso é posible que Google teña problemas para continuar as súas actividades comerciais en China, o que pode supor un duro golpe a longo prazo.

PUBLICIDADE