China Mobile comezará a comercializar os novos iPhone en xaneiro

luns, 23 de decembro do 2013 Marcus Fernández

Apple e China Mobile veñen de confirmar a súa alianza para os vindeiros anos, anunciando que pecharon un acordo a través do que os iPhone 5S e 5C estarán dispoñibles nas tendas de China Mobile e de Apple no territorio chinés a partir do 17 de xaneiro, podendo reservarse a partir do vindeiro mércores o smartphone de Apple vía web ou por teléfono, polo que é de agardar un forte despegue dos novos iPhone no mercado móbil chinés, que é o máis grande do mundo.
China Mobile é o principal operador móbil de China, e confirman que os novos iPhone poderán tirar proveito das súas conexións 4G/TD-LTE e 3G/TD-SCDMA, achegando conexións á Rede a alta velocidade en mobilidade. Deste xeito, Apple non só empregaría China para a fabricación dos seus terminais, senón que tamén vendería alí os seus dispositivos a través dunha grande operadora, o que podería contribuír seriamente ao número de smartphones vendidos a nivel mundial durante 2014.

PUBLICIDADE