Chévere e María Yáñez dan forma no IES de Boiro á versión 2.0 de Romeo e Xulieta

venres, 27 de abril do 2012 Fernando Sarasketa

Un intre do traballo desenvolvido polos integrantes de Chévere e a rapazada do IES de Boiro, visto en Dioivo.com

Boiro estivo na mente de William Shakespeare antes de que existise Boiro. Ou non. Máis ou menos este de xuntar maxín con humor e innovación é o espírito da refeitura 2.0 de Romeo e Xulieta que están a desenvolver Chévere e María Yáñez man con man cos estudantes do IES A Cachada da devandita vila do Barbanza. Os tirapuxas entre monstescos e capuletos seguen tendo semellante cerna (uns contra outros e listo) pero con diferente envoltorio e acubillo (redes sociais e outras cousas) e con algunha que outra galeguización do libreto que sempre vén moi a conto.
A iniciativa chámase Amores Prohibidos 2.0 e leva estes dous números por algo. Segundo contan dende Dioivo.com, trátase dun proxecto de teatro virtual no que o escenario é Internet e a acción lévase a cabo, a tempo real, nas comunidades sociais. Todo ten vertente nas redes, até o propio xermolo do proxecto, que comezou a coller corpo en Twitter, Facebook, Tuenti e máis en redenasa.tv. Na obra en cuestión Xulieta é Xiana e fala galego e Romeo é Romero e fala castelán. Ao longo dos meses previos, os actores-estudantes dedicáronse a rexistrar as diferentes escenas desta adaptación da obra de Shakespeare a través dun instrumento que non lle falta a ningún, neste caso para ben: os teléfonos móbiles. Isto completouse cunha achega de material aos perfís constituídos nas redes sociais. Nesta achega, conta Xesús Ron en Dioivo, “cada personaxe ten un rapaz que lle pon un rostro, pero están creados en grupo; un deles interpreta o papel, pero por detrás, nas redes sociais, un grupo de rapaces se encargan dos seus perfís, de dicir o que pensan e de configurar a súa personalidade. É un traballo en grupo”.
Para decatármonos un pouco máis da natureza desta innovadora iniciativa, sinalar que os perfís dos personaxes fixeron aparición nas canles sociais e, coma estas mesmas, son froito de moitas mans interactuando. Ou sexa, que os propios rapaces construíron os personaxes de xeito colectivo. A iniciativa, que contou co participación dun grupo de profesores (entre os que destaca Ana Moreiras, mestra de tecnoloxía), dá acubillo a un grupo de máis de vinte alumnas e alumnos que se reparten o traballo do xeito máis eficaz e 2.0 posíbel: uns levan a cuestión das redes sociais, outros dedícanse á produción e outros a rexistrar o propio desenvolvemento da obra dende unha óptica documental.
A experiencia, sinalan os seus responsábeis, ten potencial para abrir novos vieiros de facer teatro e, tamén, novas formas de darlle uso á plataforma redenasa.tv, da que temos falado en Código Cero con motivo do envorcado, no seu seo, de até seiscentas horas de gravacións levadas a cabo na Sala Nasa (antes do seu traslado de Santiago a Teo). A plataforma, sinalan, comeza así a ser o que ten que ser: unha plataforma para proxectos como este que abren unha nova perspectiva de traballo e de achega tecnolóxico-cultural.

PUBLICIDADE