Chega o programa de coworking Emprende Lab Barbanza

xoves, 2 de xullo do 2020 S. P.

O Concello de Boiro, xunto coa Asociación Boirense de Empresarios, e co financiamento da Deputación Provincial da Coruña, van poñer en marcha un programa para dar impulso ao tecido produtivo da nosa comarca poñendo o foco nas novas iniciativas que combatan, con emprego e innovación, as consecuencias da COVID. Trátase da iniciativa de traballo colaborativo (coworking) Formación – Aceleración Emprende Lab Barbanza. A presentación do proxecto fíxose este dous de xullo, no Consistorio de Boiro, coa presenza do concelleiro de Comercio, Marcos Fajardo, o xerente da ABE, Tomás Estévez e a orientadora laboral do Concello, Belén Ordóñez. Tamén se deu a coñecer a web do centro de coworking, www.labbarbanza.gal.
Segundo sinalaron, o obxectivo deste programa é “fortalecer o actual ecosistema emprendedor da comarca do Barbanza, favorecendo o establecemento e permanencia en Boiro de novas empresas baseadas no talento, innovación e o rápido crecemento”. A aceleradora Lab Barbanza vai acoller 20 proxectos de carácter intersectorial na fase inicial de formación e asesoramento, dos cales 10 pasarán á fase de aceleración.
Os proxectos que entren a formar parte do programa, con independencia do seu grao de maduración, “terán carácter innovador e suficiente viabilidade técnica e económica”, explicaron o Concello, a ABE e a Deputación, engadindo que os participantes, grazas a esta iniciativa, terán acceso a obradoiros de formación de carácter teórico práctico, cada un deles deseñado para capacitar ás persoas participantes de xeito intensivo, inspirándose na metodoloxía boot-camp, identificando as dificultades, propoñendo estratexias para superalas e aportando ferramentas concretas para poñelas en práctica.
Ademais terán á súa disposición sesións de mentoring individuais nas que se combinarán coñecementos e ferramentas adquiridos nos obradoiros formativos, para aliñar e co-relacionar as competencias dos participantes.
As inscricións para o programa son totalmente gratuítas e as bases e toda a información están na páxina web do Lab.

PUBLICIDADE