Chega este venres a edición máis potente da XGN R Encounter

luns, 8 de outubro do 2018 Fernando Sarasketa

Esta semana temos unha cita de primeira liña coa informática que se comparte e se crea, e que, por se fóra pouco, é fonte de lecer, diversión e aprendizaxe persoal. Estamos a falar da party galega XGN R Encounter, que comeza esta sexta feira (venres 12) a súa décimo oitava edición, segundo informan as entidades impulsoras do encontro (o recinto Feira Internacional de Galicia ABANCA, a firma R e a Consellería de Política Social), unha convocatoria que sobe novos chanzos en materia de acollida, de temas a tratar, de repercusión e de actividades. Isto déixase notar no interese da nosa mocidade por participar nela: xa se superou o rexistro de inscritos do pasado ano, cando 800 persoas tomaran parte co seu computador.
Ademais, agárdase que outras 1.500 persoas acudan ao recinto de Feira Internacional de Galicia ABANCA (Silleda) para gozar das actividades que se desenvolverán durante os tres días, até o domingo 14. Os asistentes, nun nivel técnico, poderán navegar a unha velocidade de 10 Gbps (grazas á rede de cable de fibra óptica despregada por R o ano pasado: un equipamento de 120 metros de lonxitude dende Vigo até o pavillón), así como aprender, intercambiar coñecementos e divertirse coas ducias de actividades previstas.
Nesta edición celebraranse máis de dez torneos de videoxogos, así como nove competicións de arte dixital, robótica, realidade virtual ou drons. Ademais, haberá máis conferencias, obradoiros formativos e alternativas de lecer.
Por outra banda, a organización lembra que a nova entrega do encontro XGN R Encounter tamén artellará a súa actividade en dous ámbitos complementarios: por unha banda a zona denominada “Intranet”, orientada aos inscritos (onde gozarán dun posto con dereito a acampar no interior do pavillón e tamén a participar en numerosas actividades e torneos exclusivos) e, pola outra, a área “Extranet”, a contorna aberta ao público en xeral, que acubillará un completo programa ao que poderán acceder de balde tanto os inscritos como os visitantes que se acheguen a Silleda.
Conexións (en todo o senso do termo) con Euskadi e Galicia
Como lembraremos, a XGN R Encounter vinculouse o pasado ano á rede de Encounters de Euskaltel, que vén desenvolvéndose desde hai 25 anos, e da que forman parte a Euskal Encounter, a Gipuzkoa Encounter, a Araba Encounter e a Technium R Encounter de Ourense. De feito, a incorporación como patrocinadora e colaboradora da empresa de telecomunicacións R, integrada no Grupo Euskaltel, permitiu este irmandamento entre os seareiros á informática de ambas as comunidades, e permitiu un enriquecemento mutuo de coñecementos e experiencias.
Actividades para inscritos e visitantes
Durante o evento desenvolveranse distintas actividades dirixidas exclusivamente aos inscritos, como concursos de arte dixital, nas súas tres vertentes: creación de imaxes dixitais, música dixital e a programación. Haberá competicións (para que abrolle o talento creativo dos participantes), obradoiros, conferencias e unha ampla listaxe de accións para os seareiros do hardware. Entre elas, a modificación, cambio e personalización dos equipos de cada quen, “para mellorar a súa estética ou as súas prestacións”, sinalan os organizadores, que engaden que tamén se dará acubillo a granxas de impresoras en 3D e a un espazo adicado á robótica (os talleres Crea R), onde a rapazada poderá introducirse de cheo na montaxe destes enxeños electrónicos. O programa tamén inclúe unha charla (Nativos R) dirixida a educadores, pais e avós que non naceron na era dixital pero conviven co xente que si que o fixo. Ambas as iniciativas enmárcanse no programa Digitalent da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), do que R forma parte.
Inscricións
O prezo de inscrición á XGN R Encounter é de 40 euros durante a party e de 35 euros levándose a cabo mediante reserva previa, a cal aínda se pode realizar xa que quedan algunhas prazas libres, explican as entidades impulsores da xuntanza informática, que tamén engaden que será posíbel participar no evento mediante as entradas de día, que teñen un custo de 10 euros, e que poderán ser adquiridas no mostrador de acreditación, aínda que non dan dereito a conectar un ordenador na party (en todo caso, quen desexe achegarse a Silleda como espectador terá acceso libre e de balde).

PUBLICIDADE