Chega este sábado a PonteGovJam, edición galega dun reto mundial para o deseño de servizos

venres, 6 de xuño do 2014 Fernando Sarasketa

Os participantes na anterior edición do encontro pontevedrés

Este sábado 7 de xuño dá comezo en Pontevedra o encontro PonteGovJam, unha iniciativa da que xa falamos os días pasados dando de que se trata da edición galega dunha xuntanza internacional dirixida a cidadáns, funcionarios públicos e especialistas en innovación co obxectivo de retalos a deseñar e dar forma a servizos públicos de Cidades Intelixentes e eAdministración en só 48 horas. PonteGovJam intégrase polo tanto no evento mundial Global GovJam e participa no reto común que este evento propón: un reto que se vai comunicar ao longo deste venres e que mobilizará aos participantes para pór o seu gran de area no desenvolvemento do sector público.
A actividade dará comezo ás 9.30 horas, estando prevista a presentación dos proxectos arredor das 19.30 horas. Entre mentres, explorarase o reto (arredor das 11.00), xerarase ideas (arredor das 12.30) e abordarase o seu deseño e aplicación (das 16.00 en adiante). En total formalizaron a súa presenza 30 participantes. Por certo que ás 19.30 horas, amais da presentación de proxectos, está previsto entregar os recoñecementos á iniciativa máis orixinal, á máis creativa, á máis solidaria, á que achegue a mellor experiencia de cliente e ao proxecto máis viábel.
O evento de Pontevedra celébrase de xeito simultáneo en case medio centenar do países. A primeira experiencia piloto, informan os organizadores do certame, foi levada a cabo no ano 2012 polo Goberno australiano en colaboración coa empresa alemá Work Play Experience, contando coa participación de máis de 30 cidades en 5 continentes e da que xurdiron máis de 120 proxectos e prototipos. Os países que participarán nesta edición por agora son: Brasil, Canadá, Chile, Colombia, Alemaña, Singapur, España, Corea do Sur, Suíza, Taiwan, Dubai, Gran Bretaña e Estados Unidos.
Os obxectivos da xornada son “potenciar a capacidade creativa para a resolución dun reto común aplicando ferramentas enfocadas a fomentar a innovación nas administracións e no sector público; adquirir coñecementos sobre novas tecnoloxías e metodoloxías relacionadas coa innovación nas organizacións dunha forma divertida, motivadora e estimulante; fomentar o traballo en equipo e o networking entre profesionais; e xerar servizos e construír prototipos”.
Trátase da segunda vez que o evento se celebra en Pontevedra (o mes de marzo), e para os que queiran facerse unha idea de en que consiste exactamente, dicirlles que na web da xuntanza hai un vídeo habilitado na Rede a xeito de crónica.
O encontro pontevedrés celébrase en Espazo Arroelo, empresa organizadora da experiencia en Pontevedra. Arroelo é un acubillo de coworking xestionado por María Pierres e África Rodríguez que nace co fin de dar resposta á demanda dun lugar común de traballo para autónomos e PEME. Arroelo púxose en marcha en 2013 e actualmente ao redor de 36 persoas co-traballan nel. Ofrece aos participantes o espazo, materiais e o apoio dunha serie de profesionais de apoio con experiencia no desenvolvemento de proxectos, como son Pablo López, Raquel Pedrouso, José Romero Crusat, Diego Parajó e Roberto Pérez Marijuan, expertos en desenvolvemento de proxectos e adestramento. No desenvolvemento do encontro participan como colaboradoras as empresas que forman parte de Espazo Arroelo: Sofía Martínez ReY, Lucía Rodríguez, Les Siamoises, O Espello Máxico Producións, Al Lío, Elefantes de Cacharrería, Til Diacrítico, Comunicamos, Zoraida Ferreras e Pepinho Quintela.

PUBLICIDADE