Chega dende Vigo unha web para pór orde nos nosos contidos de Instagram

martes, 8 de agosto do 2017 Fernando Sarasketa

O Grupo Sicom, compañía de Vigo especializada no mundo en liña (liñas de actividade como a comunicación dixital, o posicionamento ou o comercio electrónico), vén de deseñar e presentar o servizo IGDates, en palabras dos seus responsábeis “unha sinxela web onde os usuarios da rede social Instagram, de maneira gratuíta, poden clasificar as publicacións do seu feed en función da data ou a etiqueta que se empregue”. A idea, polo tanto, é poñer as cousas o máis doadas posíbel para os integrantes da comunidade Instagram.
Nun plano máis concreto, que saca en limpo o usuario? Pois que de maneira rápida e simple, a través desta web, poida localizar todas as súas publicacións realizadas nun período de tempo, ou aquelas que se engloban baixo un mesmo cancelo (hashtag).
Segundo engaden os responsábeis da compañía, a devandita web supón “toda unha novidade para os usuarios desta rede social”, xa que a función non está dispoñíbel por si mesma na aplicación do servizo de intercambio de fotografías. IGDates, explican, é “a mellor maneira de sentir novamente os mellores intres capturados pola nosa cámara e compartidos en Instagram”, axudándonos, cun número mínimo de clics, a localizar as imaxes que queiramos procurar.

PUBLICIDADE