Chega dende Santiago Whatoweather, nova aplicación que nos axuda a vestirnos conforme a previsión do tempo

xoves, 19 de xuño do 2014 Fernando Sarasketa

Segue adiante, e con moi boa saúde, a intensa actividade dos nosos desenvolvedores. Proba disto é o lanzamento dende Santiago de Whatoweather, unha ferramenta que vén da man do mesmo equipo que puxo en marcha o novidoso servizo 4gotas.com e que se define, en palabras dos seus creadores, como “unha nova aplicación de meteoroloxía e moda”, dous conceptos que viaxan xuntos máis do que pode parecer a primeira vista, e proba diso é un actividade tan cotiá nas nosas vidas como elixir ao comezo da xornada a roupa que finalmente nos imos pór. Por certo que os actos de promoción e lanzamento de Whatoweather comezan hoxe mesmo.
Por outra banda, está previsto que saia ao mercado o vindeiro 25 de xuño, coincidindo co lanzamento do seu blog asociado e coa presentación de todo o conxunto (a cita será na sede da Cámara de Comercio de Santiago, na rúa San Pedro de Mezonzo, arredor das 12.30 horas).
A idea dos seus creadores foi a de pór en xogo un recurso de utilidade, informativo e divertido, que nos axude non só mercar as pezas de roupa máis axeitadas para as semanas vindeiras, adaptándose os consellos aos espazos xeográficos onde imos residir ou viaxar, senón tamén a elixir no mesmo día o que mellor se adapte ás condicións climáticas inmediatas. En palabras de 4gotas.com, con esta aplicación redúcense ao máximo “as posibilidades de pasarmos frío ou de quitar antes de tempo as medias”.
Whatoweather, de balde e dispoñíbel para dispositivos iOS (iPhone e iPad) e Android (teléfonos e dispositivos) proporcionará información meteorolóxica diaria de calquera lugar do mundo así “como un conxunto estiloso de roupa adaptado ao tempo que vai facer”. Deste xeito, engaden os desenvolvedores da aplicación, “poderemos inspirarnos á hora de vestirnos coa seguridade de que aturaremos a meteoroloxía con estilo”. Ademais, proseguen, “con Whatoweather saberemos que pezas son as imprescindíbeis de cada tempada, aquelas que están en todos os armarios ou as que nos farán ir máis á moda para que decidamos en que prendas investir mercándoas directamente dende a aplicación”.

PUBLICIDADE