Chega ás librarías españolas o libro do fenómeno de Twitter, Shit my dad says

martes, 14 de decembro do 2010 Raquel Noya

O fenómeno de Twitter, Shit my dad says, traducido ao galego como As parvadas do meu pai, xa conta con máis de 1.800.000 seguidores na rede social así como cunha serie de televisión propia na CBS. Agora, a súa publicación en papel, que naceu nos Estados Unidos a partir do fenómeno virtual, chega a España da man de RBA e farao a partir do vindeiro 20 de xaneiro.
Con 28 anos, Justin Halpern, abandoado pola súa moza, sen casa e cun precario emprego, vese na obriga de volver á casa dos seus proxenitores onde terá que “lidiar” de novo co seu pai, un ancián xubilado que, malia ao paso dos anos, non perdeu a súa capacidade innata para arrebolarlle opinións mordaces e frases cortantes como gadañas.
No 2009, Halpern comezou a escribir en Twitter os comentarios do seu pai sobre os asuntos máis variopintos, coa única idea de almacenar nalgún sitio os comentarios do seu pai. Porén un amigo seu, o actor Erob Cordry, twitteou a ligazón, e os comentarios subidos por Justin comezaron a estenderse pola Rede de tal maneira que en menos dun ano acadou os 1.800.000 seguidores.
Chegados a este punto, Halpern e o seu amigo adiviñaron o negocio que suporía a publicación dun libro, e así o fixeron.
O proxecto publicouse en Estados Unidos en maio deste ano e xa na primeira semana encaramouse ao número 8 da listaxe dos máis vendidos de non ficción do New York Times, para, cinco semanas despois, converterse en número 1.
Agora esta obra, da que tamén se desenvolveu unha telecomedia, chega ao noso país, e porase á venda a partir do vindeiro mes de xaneiro baixo o título Las chorradas de mi padre.

PUBLICIDADE