Chega aos usuarios españois a ferramenta Map Creator de Here

mércores, 8 de xaneiro do 2014 Redacción

Here, o fabricante propiedade de Nokia especializado en mapas e recursos de localización, anunciou esta semana que está a traballar a fondo na aplicación ao territorio español do seu servizo Map Creator. Trátase, en palabras de Nokia, dunha ferramenta que permite aos seus usuarios modificar a cartografía directamente dende os seus computadores e co obxectivo de dar forma a mapas moito máis completos, dinámicos e humanos. Lembrar que Here Maps baséase nunha gran escolma de información profesional achegada por comunidades locais. Máis polo miúdo, por un colectivo de máis de 6.000 persoas repartidas en case sesenta países. O programa xa conta con 20 comunidades moi activas.
Unha das diferenzas básicas que pon en xogo este servizo de Here con respecto a outros previos de semellante índole, é que permite moita máis marxe de manobra ao usuario, que mesmo poderá cambiar a información que achega en poucos minutos. “Con Map Creator”, informan fontes da división de Nokia, “temos nas nosas mans un potente instrumento que é quen de trazar vías, modificar a súa forma, as súas características, borralas ou actualizar os seus atributos!. Tamén pode crear, modificar ou eliminar puntos de interese. Ademais grazas ás ferramentas dispoñíbeis (Here Drive, Here Maps, Here Transit), os usuarios poderán ancorar os seus lugares favoritos directamente á pantalla de inicio para acceder a eles rapidamente cun só toque. Isto é aplicábel para traxectos en coche, pero tamén a pé ou en transporte público. Os mapas de HERE poden actualizarse en calquera intre e é posíbel descargar mapas novos de balde.

PUBLICIDADE