Chega a versión 1.0 do emulador PCSX2

luns, 6 de agosto do 2012 Marcus Fernández

Con PCSX2 podemos gozar de xogos de PS2 no PC en alta definición

Para os amantes dos videoxogos clásicos que non queiran acumular consolas de anteriores xeracións no seu fogar, e ante o desprezo dos fabricantes pola retrocompatibilidade (lembremos que as PS3 actuais non poden correr xogos de PS2), chegan os emuladores, aplicacións informáticas que imitan o funcionamento doutros equipos para permitir gozar do seu software, o que permite que un PC actúe como unha consola de videoxogos, unha máquina recreativa ou un ordenador de hai 30 anos, contribuíndo a satisfacer certa nostalxia. E para continuar nesta liña a pasada fin de semana veu finalmente a luz a versión 1.0 de PCSX2, un emulador de PlayStation 2 que leva varios anos en desenvolvemento, e que xa ten unha versión pública oficial capaz de facer funcionar a meirande parte dos xogos desta plataforma de Sony.
Entre as vantaxes desde emulador está o feito de que o seu código fonte sexa público, o que permite que estea dispoñible en versión para Windows, Mac OS X e Linux, á vez que facilita o seu traslado a outras plataformas presentes e futuras, garantindo en certo xeito que os xogos máis memorables da PS2 non queden no esquecemento.
Tamén é destacable o feito de que a emulación da PlayStation 2 non está limitada á súa resolución de pantalla orixinal, de xeito que se contamos cun equipo de suficiente potencial poderemos gozar dos xogos de PS2 en alta definición, sen precisar dunha remasterización para poder ver os xogos sen píxeles coma puños.

PCSX2 permite gozar de xogos de consola no ordenador


O PCSX2 en acción

PUBLICIDADE