Chega a segunda edición do curso sobre Angular Testing da consultora Vitae

mércores, 4 de novembro do 2020 S. P.

En materia de desenvolvemento de proxectos tecnolóxicos a realización de probas debera ser unha desas cuestións que nin é preciso mencionar porque se dá, dende a orixe mesma dun proxecto, definitivamente por sentada. Porén, non sempre é así, e as consecuencias poden ser moi lesivas para todas as frontes, comezando polo prestixio da empresa e o equipo desenvolvedor. Unha parte importante da actividade formativa da consultora galega Vitae vai dirixida a este punto: a axudarnos a aforrar custes, esforzos e tempos de traballo grazas a unha política integral de probas e validacións. De aí precisamente xorde o curso Angular Testing, probas de aplicacións empresariais, que vai pola súa segunda edición. Serán dez horas de formación a desenvolver a través da Aula Virtual de Vitae os días 24 e 26 de novembro e 1 e 3 de decembro.
“Neste curso”, informa a consultora galega, “axudaremos aos asistentes a que coñezan os fundamentos das técnicas máis comúns para que poidan incluílos de contado e así mellorar a calidade dos seus programas”.
En termos concretos, nas sesións practicarase cos frameworks máis usados en materia frontend, como Karma-Jasmine/ Cypress, tanto para probas unitarias como en labores de integración, e poñendo o foco na importancia de programar con Angular, unha ferramenta que fai que as probas de aplicacións sexan “un plus de confianza para nós e para os nosos usuarios”, engade Vitae.
O formador será Alberto Basalo, enxeñeiro técnico en Informática con dúas décadas de experiencia como analista programador, xefe de proxectos e formador en pequenas e grandes empresas. Basalo é, a día de hoxe, socio director de AgoraBinaria e consultor asociado a Vitae Consultores.

PUBLICIDADE