Chega a Santiago o vehículo-guía para unha navegación segura: o bus de Brújula

xoves, 7 de maio do 2009 Fernando Sarasketa

A Alameda de Santiago foi hoxe un fervedoiro de xente nova por dous motivos diferenciados aínda que abondo compatibles: a promoción do galego (a través do programa Correlingua, presente estes días en Compostela, no que participaron esta mañá uns cinco mil rapaces e rapazas) e a promoción da Rede responsable para a mocidade (que correu a cargo do proxecto Brújula, un programa de difusión itinerante da Asociación Galega de Empresas de Tecnoloxías da Información, AGESTIC). A segunda das actividades, que á que nos ocupa pola súa temática, contou cun importante despregue de recursos, humanos e técnicos: un autobús con todo tipo de material multimedia e tecnolóxico de información, monitores e guías especializados en lecer dixital e -dando a coñecer polo miúdo as características básicas de Brújula- unha boa parte do equipo responsable de AGESTIC. Brújula, que forma parte da liña estratéxica do Plan Avanza do Ministerio de Industria, achegarase os días 10 e 11 a Ribeira e o 12 e o 13 a Vilagarcía de Arousa.
A posta en longo da iniciativa en Compostela (en activo na Alameda até o sábado) non puído ser polo tanto máis concorrida, sendo isto precisamente, o poder de convocatoria, un dos seus principais obxectivos. De feito, explicou na presentación o presidente da entidade, José María López Bourio, do que se trata é de chegar á meirande cantidade rapazas e rapaces para facerlles chegar unha mensaxe: está moi ben navegar pola Rede, pero con sentido común e responsabilidade.
Ao seu xuízo, a comunidade de internautas galegos vai camiño de chegar a certas cotas de madurez, e isto vén dado en boa medida pola elevada porcentaxe de mozas e mozos que acceden á Rede e amosan ter un cada vez máis elevado coñecemento do que visitan e manexan. Porén, unha vez adquiridas as habilidades de tipo tecnolóxico, cómpre traballar nas referentes aos contidos, e é aí precisamente onde a situación corre risco de perder pé. Segundo datos achegados por Bourio, o 54% dos nenos e mozos de entre 8 e 13 anos e os seus pais de Santiago descoñecen o uso da Rede en condicións de seguridade. Polo tanto, é nese punto onde actúa Brújula, unha proposta de madurez para unha comunidade internauta, a galega, que xa se vai poñendo paseniño na Rede pero que precisa tamén de consellos sobre como facelo. Neste senso, o nome (Compás, en galego) non resulta casual: o autobús informativo está concibido como un barco con rumbo firme para un escenario, o da Sociedade do Coñecemento, que malia as súas vantaxes pode dar acubillo (coma a vida mesma) a algunha que outra situación fóra de control. Por exemplo: roubo de datos persoais ou de cartos, suplantación de identidade, etc.
A iniciativa, polo tanto, non se dirixe só aos nenos, nenas e mocidade en xeral, senón tamén aos pais e aos titores, que son os responsables directos dos primeiros e os que teñen que saber cómo actuar cando se lles notifica unha irregularidade na Internet. En favor de Brújula (proxecto impecablemente concibido que sería aínda mellor de incluír máis presenza do galego), xogan unha serie de factores, como por exemplo a propia experiencia de AGESTIC en labores de divulgación das vantaxes da Rede por todo o noso territorio e, agora con este novo itinerario, recadando todo tipo de datos sobre as cuestións que máis preocupan ás nais e aos pais da cativada galega en referencia ao emprego da Internet e a seguridade que esta achega ou deixa de achegar.
O acto de presentación de hoxe, que como dixemos desenvolveuse a pé de Alameda, incluíu unha visita guiada para os medios polo interior do autobús de Brújula, un vehículo perfectamente adaptado para dar conta, pola vía dos recursos multimedia de lecer, dos máis importantes consellos para unha navegación segura. Amais dos equipos alí dispostos, o bus dá acubillo a profesionais que lles informan aos rapaces das máis axeitadas maneiras de evitar os principais perigos da Internet. Por exemplo: vixiando sempre que as webs que visitamos e que piden información persoal teñan o símbolo do candado pechado.
Durante a posta en longo da iniciativa en Compostela (onde por certo a previsión é a de recibir a visita de máis de 2.000 nenas/os e mozas/os), os seus responsables tamén fixeron fincapé nunha circunstancia salientable sobre a súa feitura: foi deseñada, desenvolvida e posta en marcha por mans galegas. Esta circunstancia, informou Bourio, só pode ser interpretada como unha mostra do amplo potencial da nosa industria dixital e vinculada ao tecnolóxico, un sector que dá acubillo a 15.000 postos de traballo e que se vale por si mesma para chegar ás máis altas cotas da innovación. Por certo que entre os recursos desenvolvidos polas empresas de AGESTIC espertou especial interese a proposta multimedia de Cristóbal, personaxe virtual que centra o groso dos seus labores en guiar aos rapaces polos máis idóneos e seguros xeitos de entender e facer uso da Rede. Este material en concreto, desenvolvido para nenas e nenos de 12 anos, resume en boa medida o espírito de colaboración do proxecto Brújula, unha iniciativa que xuntou a programadores e pedagogos nun obxectivo común.
Por último, sinalar que a iniciativa conta tamén co apoio de Confapa (a Confederación de Asociacións de Pais de Centros Públicos de Galicia), a Fundación Caixa Galicia e a firma de seguridade en liña Panda Security.

PUBLICIDADE