Chega a Santiago a mostra sobre a nenez de Xela Arias, que tamén pode verse na Rede

mércores, 14 de abril do 2021 S. P.

O IES Plurilingüe Rosalía de Castro, de Santiago de Compostela, acolle ata o 16 de abril a mostra itinerante Aquela nena de Sarria, un proxecto desenvolvido polo Colectivo Egeria para dar a coñecer a figura de Xela Arias, a quen se dedica este ano o Día das Letras Galegas, que conta co patrocinio da Consellería de Cultura, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística, no marco da programación institucional das Letras Galegas 2021, e tamén coa colaboración do Concello de Sarria e da Real Academia Galega. A mostra pode verse tamén no Portal da Lingua da Secretaría Xeral de Política Lingüística .
No acto de apertura participaron Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística; Xabier Mouriño, director do centro; Marga do Val, profesora do centro e participante no proxecto, e Xulio Xiz, presidente do Colectivo Egeria, ademais dun grupo de alumnado do IES.
Primeira das mostras en homenaxe a Xela Arias
Aquela nena de Sarria, composta por doce paneis, reflicte o tempo sarrián e lucense de Xela Arias, a súa querenza por Sarria e o rural, o seu vencello co idioma galego e o empeño en que se recoñecese Xela como o seu nome real. Complétase con poemas dirixidos a Xela por alumnos e alumnas dos institutos sarriáns Xograr Afonso Gómez de Sarria e Gregorio Fernández, por poetas locais, así como de compañeiras poetas galegas que seguen os camiños que Xela trazou e ata un conxunto de Vilariñas, especiais micropoemas con imaxes cos que un grupo de membros da Nova Poesía Guitírica honra a Xela no seu ano.
Dispoñíbel tamén desde o Portal da Lingua Galega, inclúe fotografías facilitadas pola familia de Xela e unha serie de debuxos da pintora lucense Sabela Arias, que conforman un especial complemento ás fotografías que foron o punto de partida da autora para este traballo.

PUBLICIDADE