Chega a España o servizo de verificación de contas de Meta

mércores, 5 de xullo do 2023 Marcus Fernández

No mes de febreiro Meta anunciou un plan de pagamento para a verificación de contas, Meta Verified, dando a impresión de que Facebook e Instagram recibirán un tratamento semellante ao de Twitter co servizo Twitter Blue, e hoxe anuncian que este servizo de subscrición inicia a súa chegada a España, aínda que non chegará a todos os usuarios de vez, senón que irá espallándose progresivamente.
Meta Verified terá un prezo de 13,99 euros/mes (16,99 euros de realizarse o pagamento a través dunha tenda de aplicacións), sendo xa posible unirse na súa lista de agarda para poder gozar do servizo cando estea dispoñible para nós. Os usuarios deben demostrar a súa identidade, tras o que poderán contar dunha insignia de verificación en Facebook/Instagram, gozarán dun sistema de supervisión activa para evitar a suplantación da súa identidade, contarán cun servizo de asistencia directa cunha persoa real (que está dispoñible actualmente en inglés, francés, alemán, portugués e español), asegura mellorar a visibilidade nos comentarios e nas recomendacións e contará con vantaxes exclusivas que polo momento son adhesivos exclusivos.
Cómpre salientar que Meta Verified é un servizo destinado a usuarios particulares, non a empresas.

PUBLICIDADE